Imprimir

Nace a Rede do Patrimonio Cultural Galego

A.V. | 01 de xuño de 2017

Oito entidades e colectivos de diferentes partes do país dan un paso adiante e impulsan unha ferramenta conxunta de coordenación na defensa e promoción patrimonial. A primeira cita será este sábado, nunha xuntanza aberta no Museo do Pobo Galego.

Un dolmen estragado no Valadouro e unha das súas laxes levadas para adornar un xardín. Unha mámoa de 6.000 anos destruída en Cea para ser substituída por un merendeiro. Tarefas forestais que destrúen castros e xacementos, abandono de décedas que pon en perigo bens de interese cultural... O patrimonio galego está sometido a non poucas agresións e perigos. Unha realidade que podía ser aínda moito peor de non ser polas entidades, colectivos e asociacións que traballan en diferentes partes do país para defender e protexer o patrimonio. Varias delas veñen de dar un paso adiante e apostar na creación da Rede de patrimonio cultural galego, unha iniciativa para a que abren as portas a quen se queira sumar á mesma.

“En Galiza existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata. Os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre transcenden nin son abondo visibles a nivel galego”, indican nunha declaración conxunta.  “Porén (...) é preciso dotalas dun  instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo”.

De aí esta rede, como unha ferramenta conxunta de coordinación sen que iso supiña a perda de independencia das entidades e colectivos que a integran. “A mecánica de traballo inicial será o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades”.

Este sábado, 3 de xuño, terá lugar unha xuntanza aberta no Museo do Pobo Galego, en Compostela, para constituír a Rede. Entre as promotoras, Asociación galega para a defensa do patrimonio, Mariña Patrimonio, Adega, ou Patrimonio Galego, entre outras.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/nace-rede-do-patrimonio-cultural-galego/20170530114957058039.html


© 2020 Nós Diario