‘A Quinta’, en referencia “á quinta provincia galega” como, popularmente e durante moitos anos, galegos e bercianos se referiron a esta comarca administrativamente en Castela-León pero cunha forte identidade de seu e ligazóns seculares e aínda vivas coa Galiza.
O castelo de Ponferrada acolleu esta sexta feira a presentación do Movemento Cidadán ‘A Quinta’. Segundo informa o portal Infobierzo, as e os promotores deste proxecto subliñaron que o seu obxectivo céntrase en “traballar social, política e economicamente” polo Bierzo.
Demanda a constitución como provincia dos 38 concellos que conforman a comarca administrativa do Bierzo, que pasaría ser a 51º provincia do Estado Español, e a súa posterior integración na Galiza, “conforme á actual Constitución Española”.
Este movemento, recolle Infobierzo, “constitúese como un movemento cidadán que ten como obxectivo sensibilizar aos bercianos e á clase política da necesidade de constituír o Bierzo como provincia”.
Os artífices aseguran que as continuas mostras de achegamento dos veciños do Bierzo cara a Galiza e “o sentir provincialista maioritario da poboación” lévalles a traballar socialmente polos bercianos.
“O actual Estatuto da Comunidade de Castela e León na súa “Disposición Adicional terceira. Segregación de enclaves”, regula o procedemento para que concellos ou grupos de concellos de Castela e León poidan pasar a formar parte doutra comunidade autónoma; pero ao ser obxectivo da ‘Quinta’ constituír en provincia O Bierzo corresponderá ao Congreso dos Deputados mediante Lei Orgánica tomar devandito acordo”, sinalaron na presentación do manifesto.
“Lamentablemente, o actual Estatuto de Autonomía de Galiza, aprobado en 1981, eliminou toda referencia á posible integración na CAG de territorios limítrofes, aínda que si figuraba no Proxecto de Estatuto elaborado en 1978. Será, pois, necesario proceder a reformar o Estatuto de Autonomía de Galiza para recoller o espíritu do proxecto de Estatuto do ano 1978”, sinalan no documento