Nace o Partit Demòcrata Catalá, das cinzas de Convergència, e coa república de Catalunya como obxectivo

O congreso fundacional sentou as bases da nova formación, que esta semana elixirá a súa nova dirección e para a que Artur Mas soa con forza.

CDC PDC Catalunya Imaxe Nació Digital
photo_camera Imaxe Nació Digital

Tres días de congreso fundacional para dar a luz ao Partit Demòcrata Català, a nova ferramenta nada das cinzas de Convergència, e que se define como independentista e partidaria dunha república catalá. Unha autoafirmación que por si propia exemplifica o enorme salto vivido na política catalá nestes cinco anos. Os herdeiros de CDC non se declaran nin nacionalistas nin soberanistas mais xa claramente independentistas.

O Congreso comezou con sorpresa ao desbotar as bases as dúas propostas presentadas pola dirección: Mes Catalunya e Catalàns Convergents. Finalmente, e entre os nomes votados, impúxose o de PDC sobre outras opcións como a de Junts per Catalunya (a favorita de Mas e Puigdemont) ou Partit Nacional Catalá.

Nova dirección e executiva

Ideolóxicamente, o PNC sitúase no amplo carril do centro, sen entrar a especificar moito máis en detalle, optando así por se mover nos caladoiros tradicionais de CDC mais adecuados ao novo escenario político aberto polo procés. A refundación de Convergència ten no PDC a súa primeira etapa mais non a única. En breve decorrerá o primeiro congreso do Partid e nel elixirase a nova dirección. A proposta de Artur Mas dunha presidencia bicéfala saiu adiante, así como a dunha executiva de 12 membros, entre eles un coordenador xeral.

O PDC é un parto da CDC, necesitada dunha mutación máis que dun simple cambio, após o desgaste da corrupción; mais que non quer limitarse a ser unha nova CDC, según as intervencións e discursos durante os tres días de congreso fundacional. Carles Puigdemont, na súa intervención no cónclave, dixo que “teño o encargo de encamiñar Catalunya cara a independencia”. E nese obxectivo, engadiu, vai estar o recén nado PDC.

Conversas

Nas conversas que se están a ter estes días de cara aos novos órganos de dirección estarían as de Mas para integrar o sector que lidera Josep Rull, que ten ascendencia nunha parte das bases. O conselleiro de Territorio e Sostibilidade da Generalitat encarna o que se coñece como o 'sector socialdemócrata', un sector con presenza institucional (por exemplo, a presidenta da Deputación de Barcelona) e que é ben visto polos sectores renovadores.

Desde Nació Digital apóntase tamén que as principais correntes renovadoras (Generació Llibertat, Reagrupament e Llibergència) están a ter contactos de cara a tantear as posibilidades de presentar unha candidatura conxunta

Máis en Països Catalans
Comentarios