O Festival Novos Cinemas presentou no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra a súa programación completa para esta Edición 01, que se desenvolverá dende o 28 de xuño ao de 3 xullo na cidade. No acto estiveron presentes Anxos Riveiro -Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra-, Juan Manuel Corbacho -Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo-, Jacobo Sutil -director da AGADIC-, Carmela Silva Rego -Presidenta da Deputación de Pontevedra-, Carla Andrade -artista e autora da cabeceira desta edición do Festival- e Daniel Froiz -director executivo de Novos Cinemas-.
Unha das principais finalidades de Novos Cinemas é “detectar, difundir e promover o talento dos cineastas que dan os primeiros pasos neste mundo”. Por este motivo, a Sección Oficial focaliza a súa atención nas primeiras e segundas longametraxes. Co obxectivo de dar cabida ás propostas máis novas e suxerintes, o certame non fai distincións nin sobre a natureza dos filmes nin sobre a súa procedencia xeográfica. Os nove filmes en competición -tal e como apuntou Daniel Froiz, director executivo do Festival- representan a diversidade e riqueza estética que caracteriza ao cinema internacional máis actual.
Co obxectivo de “artellar unha programación accesible a toda a poboación”, a programación de Novos Cinemas abrangue aspectos como a exhibición cinematográfica -presentando obras de cineastas emerxentes procedentes de diversos países como China, Brasil, Estados Unidos, Francia ou Portugal–, a formación e o encontro entre profesionais, cunha marcada vertente lúdica. Entre as principais actividades de Novos Cinemas destacan, ademais da sección oficial, unha retrospectiva a José Luis Guerín e a sección +Novos, con cinema de autor feito por rapaces de primaria e secundaria, a recuperación dun clásico incuestionable do cinema infantil e unha das comedias de adolescentes máis sorprendentes da tempada.
Outras seccións son 'Baixo as estrelas', que proxectará 'Esa sensación' e 'Os exiliados románticos'; 'Por primeira ou última vez': en homenaxe a Nicholas Ray proxectarase a súa primeira longametraxe They live by night (1948); e 'Encontros': espazo adicado ao sector dentro do festival.