Opinión

Na Galiza, resistencia feminista

Cala!, non tes nin puta idea, muller tiñas que ser, non vales para nada, ti sempre coas túas parvadas, non te enteras de nada.... Quen non escoitou algunha destas frases dirixidas a algunha muller na súa casa, no traballo ou na rúa? Penso que case ninguén. Forman parte do machismo, son expresión dunha ideoloxía que discrimina e subordina as mulleres.

Cala!, non tes nin puta idea, muller tiñas que ser, non vales para nada, ti sempre coas túas parvadas, non te enteras de nada.... Quen non escoitou algunha destas frases dirixidas a algunha muller na súa casa, no traballo ou na rúa? Penso que case ninguén. Forman parte do machismo, son expresión dunha ideoloxía que discrimina e subordina as mulleres. O patriarcado segue instalado comodamente en pleno século XXI. É certo, xa tivo épocas mellores. Atopou resistencia. Resistencia pacífica, deste bando non hai mortes. Resistencia de mulleres que non aceptan o papel submiso, que non se resignan a seren man de obra barata, nin coidadoras de todo, menos delas mesmas. Mais a resistencia non conseguiu vencer o inimigo, e cómpre estarmos atentas ao seu rearme.

A crise mais unha vez lembrounos a fraxilidade do conquistado. A igualdade non se cuestiona no formal, mais si na realidade e na práctica. A igualdade real non existiu nunca e no medio desta brutal crise retrocede. Na Galiza hai máis mulleres paradas que homes, a precariedade e a pobreza teñen rostro feminino, a emigración de mozas resulta alarmante, o coidado e atención seguen a ser maioritariamente realizadas por mulleres e a violencia, lonxe de recuar, segue presente, ameazando moitas -demasiadas!- vidas. Mentres, vemos como a resposta de quen goberna é manter a desigualdade. É consubstancial ao sistema e á ideoloxía capitalista, mais xa non disimulan as súas intencións.

"Na Galiza hai máis mulleres paradas que homes, a precariedade e a pobreza teñen rostro feminino, a emigración de mozas resulta alarmante"

Afectan máis os recortes ás mulleres? É evidente que si. Partir dunha posición de desigualdade provoca que a fenda se faga máis fonda. Perpetúa as discriminacións e impídese avanzar. Estamos ante un retroceso importante, de feito, as reformas laborais minguaron os dereitos en xeral, e os de conciliación en particular. Asistimos de novo, ao debate que nos condena a non poder decidir libremente sobre os nosos corpos. Rexurde con forza o mito da maternidade vinculado cun reforzamento dos roles tradicionais.

Mais seguiremos organizando a resistencia. Acredito firmemente na idea de que o futuro das galegas está vinculado coa ruptura dun rexime decrépito, que hai que dicilo, non significou bonanza en ningún momento para Galiza. O momento é duro, difícil, mais tamén ilusionante. Ilusión por construír un futuro de igualdade e dignidade. Pobos irmáns prenderon a mecha da liberdade, cuestionando a sacrosanta unidade do Reino de España. O debate está aberto e significará cambios profundos na estrutura do Estado. As galegas que aspiramos a unha matria soberana temos o reto de construír unha alternativa que rompa tamén co patriarcado, que introduza como elemento estrutural o feminismo e a consecución dunha sociedade realmente igualitaria. Un mundo onde cala!, non tes nin puta idea, muller tiñas que ser, non vales para nada, ti sempre coas túas tonterías, non te enteras de nada... sufran desterro perpétuo.

Comentarios