Entrevistamos Xosé Estévez

"Na Galiza houbo represión nacional, contra nacionalistas"

A Fundación Alexandre Bóveda vén de recoñecer o historiador Xosé Estévez (Quiroga, 1943) co XIII Premio Galiza Mártir polo seu compromiso coa liberdade, coa memoria e con Galiza. Aliás, Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia outorgoulle o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico. Conversamos cun dos investigadores galegos con maior traxectoria. Eis un extracto.
 

[Imaxe: cedida] Xosé Estévez
photo_camera [Imaxe: cedida] Xosé Estévez

4Que representa para vostede recibir o Premio Día da Galiza Mártir?

Levei unha agradábel sorpresa, sobre todo por vir da man dunha fundación que leva o nome de Alexandre Bóveda, que para min é unha das figuras máis importantes do nacionalismo galego. Non pensei na miña vida que me fosen dar semellante agasallo, sobre todo porque eu teño traballado o Galeusca, a relación entre os nacionalismos galego, vasco e catalán; Castelao e a relación co nacionalismo vasco e o catalán; a soberanía de Galiza...  De aquí en adiante, este agasallo suponme un compromiso firme á hora de recuperar figuras e de loitar a favor de que aquelas vítimas que foron silenciadas, esquecidas, fusiladas, paseadas... sexan recoñecidas e non estean no esquecemento.

Precisamente, na mesma cerimonia vanlle entregar o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia. 
 

Vou facer 74 anos, levo desde o 73 en Euskadi de profesor, escribín moito sobre temas galegos, vascos e cataláns e este premio non me caeu tanto de sorpresa porque é ao meu labor historiográfico, que é bastante amplo en temas de historia contemporánea e moderna. 

Estou sumamente agradecido e emocionado cos dous premios, pois foron os agasallos máis inesperados da miña vida. Que se lembren de un despois de 47 anos fóra da patria produce unha satisfaccion enorme.

Que queda por facer no ámbito da memoria?
 

Queda moitísimo. O único que fixo, e hai que recoñecerllo, foi o bipartito. Ao bipartito todo o mundo lle bota pedras, pero fixo cousas moi importantes, como o proxecto Nomes e Voces, que contabiliza uns 5 mil asasinatos. Chámolles asasinatos porque agora hai moito costume de edulcorar a terminoloxía. Para min foi unha aniquilación case total das capas da sociedade galega que eran a elite sindical, económica e social que podían endereitar o destino de Galiza e levala a unha categoría de nación en pé de igualdade con outras nacións do Estado e do mundo.  O proxecto tamén recolle máis de 15 mil vítimas doutro tipo, torturados, represaliados, expedientados... e desde aquela, non se fixo máis nada, só a través de historiadores, particulares e dalgunhas fundacións.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 259, cun especial sobre o Día da Galiza Mártir, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios