Mutilación xenital e matrimonio infantil, outros efectos da COVID

O feche das escolas, a inseguridade económica e alimentaria, e a falla de medidas de protección social están asociadas cun maior risco de abuso e explotación infantil.
2020062314213967001
photo_camera A mutilación xenital practícase ás nenas para despois casalas (un.org)

As medidas adoptadas para frear a propagación do coronavirus a nivel mundial deixaron as nenas máis expostas e desprotexidas; de non se retomar axiña os programas para protexer até 13 millóns de menores poderíanse ver forzadas a casar e 2 millóns poderían ser vítimas da mutilación xenital. Esta é a advertencia realizada  onte pola alianza 'Non Quero' que forman Amnistía Internacional, Entreculturas, Mundo Cooperante e Save the Children.

Segundo estas ONG, o feche das escolas, a inseguridade económica e alimentaria, e a falla de medidas de protección social están asociadas cun maior risco de abuso e explotación infantil, neglixencia e violencia machista contra as nenas; de matrimonio infantil, precoz e forzado, e de prácticas daniñas como a mutilación xenital. O obxectivo é acabar con todas elas para 2030, mais os avances poderíanse ver agora  atrasados.

Segundo as proxeccións realizadas polo Fondo de Poboación para as Nacións Unidas (UNFPA, nas siglas en inglés), as medidas adoptadas para frear o coronavirus poderían dar como resultado dous millóns de casos de mutilación xenital feminina e 13 millóns de matrimonios forzados evitábeis. 

Embarazos non desexados

As proxeccións indican tamén que os meses de confinamento nas casas poderían sumar 31 millóns de novos casos de violencia de contra mulleres e nenas, ademais de sete millóns de embarazos non desexados.

En situacións de crises como a actual, algunhas familias recorren ao matrimonio infantil para reducir a carga financeira, particularmente cando se paga o prezo da noiva ou na crenza de que é necesario protexer as nenas doutras formas de violencia machista. En moitos casos, a mutilación xenital vai da man, pois se practica ás nenas para casalas posteriormente.

Segundo a Unesco, 743 millóns de nenas non están a ir á escola, que se suman aos 132 millóns de entre 6 e 17 anos que xa estaban fóra do sistema educativo.

Comentarios