“Atrevemento, solidez e humor” son as características coas que as artistas, segundo a nota difundida por Compostela Cultural, “enfrontaron o reto”. Que consistiu en achegar xéneros e estilos aparentemente distanciados: coplas, jotas, jazz, alalás. “Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa de música de raíz e da irmandade”, engade o texto.
Ademais das catro cantantes -no caso de París, tamén pianista-, os guitarristas Marcos Teira e Sérgio Tannus participarán nun concerto en que haberá “lixeireza non exenta de ambición, jondura ou beleza”. As galegas e a andaluza intepretarán os seus propios repertorios e cantarán xuntas.
Uxía, Carmen París, Ugia Pedreira e Martirio comparten propósitos renovadores nos seus respectivos mundos musicais. Así o define a nota da organización do concerto: “Reconversión da canción popular española e a copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais”.
“O espectáculo amosaranos catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímeis”, conclúe o texto promocional.