Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Edu Poch, informático

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 

Corentena si, pero traballo a distancia tamén. A crise da COVID-19 está a revolucionar o ámbito laboral de maneiras diversas. Como moitas de vós, Edu Poch, desenvolvedor web e autónomo, estes días está teletraballando desde a casa na Coruña. 

"Con estas sete cancións intentarei expoñer musicalmente (e, sobre todo, frivolamente) a miña evolución mental no que levamos de confinamento. Comezamos."

Libertad Obligada, de Biznaga

"Ok, chegou a mala nova: temos que quedar sen saír da casa unhas semanas. Tan malo non será, non? Iso si, sen deixar de traballar. Acepto a situación sen moitos problemas pero sen deixar de cantar, unha vez máis, contra o capitalismo escravista", di Edu.

Cena Recalentada, de Golpes Bajos

"Os primeiros días, ben. Á fin e ao cabo, a vida non é tan distinta da dun informático estándar, todo o día diante do ordenador en pixama. Pero este cambio non é gratuíto e o recordo da vida universitaria provoca que renuncie a algo ao que tanto me custou habituarme: a dieta equilibrada.

Por certo, no coro desta canción hai unha frase que repetimos moito o día no que os nosos veciños decidiron saír ao balcón a aplaudir polo aniversario de Amancio Ortega."

Perdido en Mi Habitación, de Mecano

"Levo xa unha semana e comezo a sentirme Bill Murray no Día da marmota, repetíndose unha escena unha e outra vez. Pero neste caso a habitación é a miña e o meu bucle infinito, traballar, comer, durmir. E, claro, comezo a falar cas paredes. O peor é que non me caen demasiado mal."

Fainos Saír, de Atrás Tigre 

"As miñas ganas de escapar aumentan perigosamente, sobre todo na fin de semana. E maquino plans, todos imposibles, que nos fagan abandonar o encerro, a todas e dunha vez. Pero, como? Se ti o sabes, por favor, fainos saír."

El Bosque Tenebroso De Mi Mente, de Lorena Álvarez

"A cabeza non para. E o que antes era un campo verde agora é un bosque tenebroso. Eu, ao contrario que Lorena, non vos invito a percorrelo. Todo está bastante escuro por aquí e non descarto a presenza dalgún que outro monstro."

Por la Ventana, de Astrud

"Chegados a este punto, eu vexo dúas posibles solucións, unha máis dramática ca outra. A primeira: saltar pola fiestra, pero que quede ben bonito. É o máis prudente."

Todos.xuntos.unidos.sempre, de Oh! Ayatollah

"Ou ben, asumir esta fin do mundo (ou polo menos do que coñecemos) pensando que estamos todas igual. E 'que nos pille agora aquí cantando todos xuntos'." 

Para escoitar todas as cancións de seguido, aquí a listaxe: 

Comentarios