20 anos da actividade de divulgación

Museo Arqueolóxico de Ourense: 200 Pezas do Mes

Un coitelo tipo Simancas, do conxunto arqueolóxico natural de Santomé e datado nos séculos IV-V, foi, en febreiro de 1999, a primeira Peza do Mes do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Vinte anos e 200 pezas despois, o centro celebra esta actividade divulgativa e faino con outro material da mesma procedencia: unha placa de cinto ligada ao mundo Baixo Imperial da Meseta.
 

photo_camera A placa de cinto que será a Peza do Mes número 200 do Museo Arqueolóxico de Ourense. Imaxe: cedida.

“Fabricada a cera perdida, con decoración calada de estilizacións de rolos vexetais, enmarcada nun friso de 'sss' nos lados maiores e flanqueada nos estremos por liñas incisas”, define a peza a nota de prensa da institución. Segundo o texto, “neste tipo de broches conflúen tanto a tradición dos broches militares altoimperiais como a influencia dos cingula militae europeos”.

Segundo explica o museo, esta placa de cinto fabricouse “no contexto das chamadas producións rexionais, levada a cabo en terro hispánico, con características vinculadas a territorios concretos, en contraste coas producións universais, fabricadas en grandes talleres estatais, e distribuídas por amplas áreas do imperio”.

Será Xulio Rodríguez, o director do Museo, o encargado de presentar esta peza, a número 200, esta cuarta feira, 13 de febreiro, ás 20.00 horas do serán, na sala de exposicións Escolma de Escultura, en San Francisco, Ourense.

A Peza do Mes vén acontecendo ininterrompidamente desde febreiro de 2019. “Cando se fala desta actividade faise referencia, principalmente, á súa vertente pedagóxica e didáctica”, relata o seu sentido o centro arqueolóxico, “esquecendo a miúdo que as funcións dun museo son múltiples e concatenadas entre si. Resulta difícil entender unhas sen a complementariedade das outras”. “O obxectivo é posibilitar e poñer en valor as coleccións que abeiran os museos, facéndoas máis accesíbeis ao público en xeral”, engade.

As Pezas do Mes son escollidas dos fondos dos museos, divididos en dúas grandes seccións: arqueoloxía e belas artes. Un especialista na materia, que pode ser un técnico do propio museo ourensán, ou un investigador convidado, estudan o obxecto e expóñeno ao público durante media hora.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios