Imprimir

Muras, a capital galega das lambereteiras que apostan pola saúde

H. Pena | 13 de novembro de 2019

Presentación da Feira do Mel de Montaña (Concello de Muras)
Presentación da Feira do Mel de Montaña (Concello de Muras)

A praza do Viveiró, situada na parroquia homónima, acolle o domingo 17 de novembro a quinta edición da Feira do Mel de Montaña, que este ano inclúe como principal novidade unha xornada técnica prevista na véspera do evento.

O Concello de Muras acolle, por quinto ano consecutivo, a Feira do Mel de Montaña, un evento cada vez máis popular que se desenvolverá durante os vindeiros días 16 e 17 de novembro na praza do Viveiró.

O micólogo Xosé Castro Marcote inaugurará ás 8 da mañá do sábado 16 a programación, cunha saída para recoller cogomelos á que sucederá un concurso de calidade do mel de Muras; continuará tras o serán cunha charla do veterinario da Asociación de Apicultores de Asturias, Martín Barcáiztegui, que dará pé a unha degustación gratuíta de lacón e queixos para abrir boca antes da actuación musical do grupo Dúo de Estrelas.

O día grande da feira será o domingo 17, coa apertura ao público dos postos da feira xa ás 10.30 horas e dando comezo a unha sucesión de actividades como obradoiros para crianzas; espicha de sidra a cargo de mestres sidreiros do Concello de Nava; música ao vivo da man de Rocío Varela ou a clásica entrega de premios correspondentes ao concurso apícola.

Un vehículo da promoción da economía local

Na V Feira do Mel da Montaña de Muras estarán presentes todas as explotacións agrícolas da zona, que se verán complementadas coa presenza doutros postos que ofertarán produtos artesanais e agroalimentarios da zona, como castañas, carnes, licores ou cogomelos.

v-feira-do-mel-de-montaña-muras_img13802n1t0Como explica para Sermos Galiza Manuel Requeixo, o alcalde de Muras, no concello “existen 25 produtores que teñen colmeas”, unha actividade con moita implantación na zona “por estar na serra do Xistral, un terreo montañoso no que as paraxes pola que transitan as abellas están pouco contaminadas”, o que contribúe a dar un mel “limpo, san, ecolóxico, e que pode triunfar nun mundo como o actual onde os produtos de calidade están moi valorados”.

Pola súa banda, o Deputado Provincial de Participación Cidadá, Roberto García, sinala que o obxectivo de feiras como esta é “que a xente se siga mantendo no rural e dinamizándoo”, así como que “todos os negocios e a economía local se vexan beneficiados”.

O mel de breixo, a gran estrela

O mel de Muras máis coñecido é o monofloral de breixo. De cor escura, case ámbar, e un sabor forte que retrotrae ao padal sabores a madeira afumada con toques de froita fresca, destaca pola súa alta concentración de humidade, arredor de 25%, moi superior a outros tipos de mel.

Ademais, a súa abundancia en proteínas, sales minerais e azucres naturais contribúen a mellorar a dixestión e constitúen unha imporante fonte de enerxía, aliviando os síntomas da fatiga. 

Non obstante, o alcalde apostila: “O mel en Muras pode ser monofloral ou multifloral. Se é monofloral de breixo é garantía dun mel de moito nivel, pero calquera dos meles que se producen aquí teñen moita calidade, independentemente de se predomina a silva, o toxo ou calquera outra planta”.

O Concello denuncia o desleixo da Xunta na loita contra a velutina

En Muras, como tantos outros concellos galegos, están en loita contra a praga da velutina. “Facemos campañas preventivas e intentamos freala do mellor xeito posible, pero igualmente aféctanos”, indica Manuel Requeixo a Sermos Galiza.

O alcalde critica que, nesa guerra, non atopan na Xunta de Galiza a un aliado. “A colaboración é escasa, dinche que chames ao 112 se atopas un niño de velutinas, pero nada máis. E moitas veces chamas e dinche que non poden facer nada porque a niño está moi alto e non teñen medios, por exemplo, así que temos que facelo nós con cartos do Concello cando non é unha competencia municipal, senón da Xunta”, conclúe o alcalde.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/muras-capital-galega-das-lambereteiras-apostan-pola-saude/20191113200815086865.html


© 2020 Nós Diario