O mundo secreto dos órganos históricos

Sobreviven en mosteiros, colexiatas, catedrais ou santuarios. Algúns aínda soan na liturxia, pero maiormente van ficando mudos. O patrimonio organístico de Galiza, conformado por arredor dun cento de instrumentos, sofre de certa desidia. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 320 de Sermos Galiza ao respecto.

O pianista Pablo Seoane en Lourenza 2
photo_camera [Imaxe: cedida] O pianista Pablo Seoane en Lourenzá

6É un dos instrumentos musicais esteticamente máis impresionante. Grandes mobles de madeira dos que agroman coleccións de tubos en escala. De son sacro, envolvente. O seu hábitat natural atópase nos edificios relixiosos. Na Galiza, en mosteiros, santuarios, catedrais ou colexiatas. Non son tan habituais en igrexas parroquiais, aínda que algún si hai. Trátase dos órganos, órganos históricos segundo a denominación das expertas, unha área en sombra do patrimonio conformada por arredor dun cento de pezas espalladas pola xeografía do país e aínda pendentes dunha catalogación completa.

“Non sei como explicalo para que non quede un titular”, expón Belén Bermejo a este semanario, “pero o estado xeral dos órganos é bastante lamentábel”. Xestora cultural, investigadora e música, Bermejo iniciou hai case dez anos e en colaboración co profesor e tamén músico Andrés Díaz o rexistro dos órganos históricos galegos. Descubriron practicamente un cento deles, en inmobles das cinco dioceses. Mais só tiveron tempo de investigar e consignar os de tres delas. “Xa se perdeu moito patrimonio e o que queda está en mal estado, en risco de perda”, engade.
Os órganos estudados por Bermejo e Díaz comezaron a se construír a metade do século XVIII. Dese tempo datan os máis antigos que non sufriron modificacións. Andrés Díaz menciona o da Colexiata de Xunqueira de Ambía, con dous teclados, ou os xemelgos do mosteiro bieito de Vilanova de Lourenzá, armados en 1761, barrocos. Estes últimos, sinala Bermejo, “están intactos. Un deles nin sequera foi electrificado e conserva o sistema de foles orixinal”.

Non é a desidia administrativa, con esta existir, o único perigo ao que se enfrontan os órganos. Nin sequera o maior, entende Bermejo. “Se non se usan con frecuencia, o deterioro aprópiase deles”, di, “e na Galiza non hai unha programación musical de órganos”. O desuso, con todo, tamén ten motivacións litúrxicas. As dioceses xa non teñen cartos para asumiren organistas en nómina, como aconteceu no pasado. “Sucede o que sucede con todo patrimonio que non se usa. Vaise estragando, acumula sucidade, e chega ao punto en que a falta de mantemento provoca que só sirva a restauración completa”. Que, no caso destes instrumentos delicados, é custosa, laboriosa. Pero fundamental.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 320 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios