A selección masculina continúa viva, a feminina só aspira ao terceiro posto

O Mundial Gaélico comeza atravesado

As seleccións galegas correron sortes dispares na primeira xornada do Mundial de Fútbol Gaélico. Eles pasaron segundos de grupo cunha vitoria, un empate e unha derrota, polo que se manteñen vivos no camiño á final. Elas comezaron con vitoria, mais sucumbiron fronte Canadá e Nova Iork e loitarán polo terceiro posto.

A selección masculina continúa con opcións de chegar á final.
photo_camera A selección masculina continúa con opcións de chegar á final.

A primeira xornada dos GAA World Games non foi do xeito esperado para as seleccións galegas. O combinado feminino comezou cunha vitoria folgada fronte á selección de Europe2, por 1-04 (7) a 0-00 (0). Mais os partidos contra Canadá e Nova Iork presentábanse máis dificultosos. A principal favorita e actual campioa do mundo Canadá, non fixo concesións fronte ás nosas, que caeron por 1-00 (3) a 0-10 (10).

Por último, as nosas perderon por escasa diferenza ante outra das favoritas, Nova Iorque, 1-02 (5) a 1-04 (7) para as norteamericanas. As galegas competiron fronte a fronte contra un dos mellores combinados do mundo, remontando parcialmente o 1-6 co que se chegou ao descanso.

Con este resultado, quedan terceiras do seu grupo B, ficando fóra do grupo no que se loitará por chegar á final do Mundial e pelexarán a partir de mañá nunha fase de consolación na que no mellor dos casos poderían acadar o 3º posto final. Nesta fase xogarán de novo contra Europe2 ás 11:30h, Francia ás 13:00h e Sudáfrica ás 17:30h.

Pola súa banda, A Selección Galega masculina, malia perder o último encontro fronte a Nova Iork por 0-02 a 0-06, asegurou o segundo posto do grupo C por mellor diferenza de tantos con Sudáfrica. Previamente, os rapaces gañaran o primeiro encontro por 4-05 (17) a 0-03 (3) contra Bretaña, empatando o segundo encontro 1-03 (6) a 1-03 (6) fronte a Sudáfrica.

A selección masculina entra mañá na 2ª rolda, mantendo aínda todas as opcións de pelexar polo título de Campións do Mundo, para o cal deberían gañar o seu grupo, no que competirán con Alemaña ás 12:30h, Arxentina ás 15:30h e Francia ás 17:00h, para pasar á final de Croke Park.

Comentarios