Dereitos sociolaborais

Multitudinaria manifestación nas Pontes contra a redución de beneficios sociais do persoal de Endesa

Máis dun milleiro de persoas manifestouse no concello das Pontes de García Rodríguez parar oporse á intención da multinacional Endesa de reducir os beneficios sociais e os salarios do seu cadro actual e do persoal pasivo. 

imaxe endesa
photo_camera Manifestación nas Pontes

As Pontes de García Rodríguez acolleu unha masiva manifestación da veciñanza, traballadoras e traballadores e persoal xubilado de Endesa- Esixiuse á multinacional non reducir os salarios e defendeuse o convenio colectivo de cuxo mantemento ou mellora depende a continuidade dos beneficios sociais e económicos que até o de agora tiña o denominado persoal pasivo (composto por 27.000 persoas prexubiladas, xubiladas, viúvas e orfas).

"A multinacional Endesa “estase aproveitando dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral aprobada polo PP", denunciou Blanco

O responsábel de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Blanco, denunciou que a multinacional Endesa “estase aproveitando dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral aprobada polo PP en 2012” co obxectivo, segundo sinalou, de rematar co convenio colectivo após levar un ano de negociacións e suprimir os beneficios que ten o denominado persoal pasivo, co que a empresa deixaría sen marco regulador os seus máis de 8.000 empregados e empregadas e eliminaría desde o vindeiro un de xullo os beneficios sociais e económicos desas clases pasivas.

Segundo afirmou Blanco a finalidade desta manobra é “detraer estes cartos dos traballadores e traballadoras para repartilos entre o accionariado de Endesa”. E lembrou  que Endesa foi unha empresa estatal, privatizada polos gobernos do PSOE e do PP para, finalmente, volver ser unha empresa pública, “pero en mans da eléctrica estatal italiana, Enel, que posúe o 70% do accionariado”.

Segundo afirmou Blanco a finalidade é “detraer estes cartos do persoal para repartilos entre o accionariado”

 

Na mobilización tamén participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen acusou á dirección de Endesa de querer continuar enriquecéndose a costa dos salarios e dos dereitos da clase traballadora. Pontón cualificou de abuso que a empresa pretenda reducir o salario “aproveitándose dunha reforma laboral que só serve para perder dereitos laborais, algo inaceptábel nun sector como o enerxético e dunha empresa como ENDESA”, pois subliñou que a multinacional vén de anunciar a súa expectativa de ganancias en 1.500 millóns de euros en 2019 e de 1.600 millóns en 2020”.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, reclamou que se chegue a un consenso e amosou a postura do PSdeG de entre todas e todos “velar para que esta reclamación que fan os traballadores e traballadoras, que é moi razoábel, chegue a bo porto". Formoso pediu que entre ambas as partes "haxa un esforzo por chegar a un acordo".

O sector térmico en loita

Esta mesma mañá o comité de empresa de Meirama tamén se manifestou, percorrendo a pé o camiño que hai desde Mesón do Vento até Cerceda para exixir das administracións e da propia Naturgy respostas diante da situación de indefinición na que se atopa a planta.

Comentarios