As múltiples caras do zunido das abellas

A descuberta da danza do abellón, rito mortuorio descrito nun poema de Alfredo Brañas, foi a chispa que puxo en marcha un dos últimos traballos d'aCentral Folque. Proxecto de faces múltiples, entre o pedagóxico, o antropoloxólico e o experimental, Abellón propón unha reflexión sobre a función e o papel das abellas a nivel simbolóxico e cultural, ligando prácticas da sociedade galega con outras universais. 
Mauro Sanín e Xoán Xil-López
photo_camera Mauro Sanín e Xoán Xil-López

"Foron da morta á triste habitación / e voltando ó redor da defuntiña / o vello, a vella, o mozo e a mociña / fungaban como funga un abellón". Así describía Alfredo Brañas a danza do abellón, un antigo rito funerario, recollido en Vilanova de Arousa, no que as familiares daban, agarradas da man, voltas arredor do corpo da defunta emitindo un zunido.

O choque con estes versos espertou a curiosidade do antropólogo Xoán Xil-López, que acompaña a Mario Sanín (tamén coñecido polo nome artístico Ariel Ninas) nesta proposta. Así, collería corpo o pioneiro proxecto que desde aCentral Folque se desenvolveu cara a finais do 2019 e que culminará en breve coa publicación dun libro, conciliando a investigación cunha vontade divulgativa.

Abellón é unha iniciativa cunha dobre vertente artística e educativa que combina tres mundos en aparencia non conectados: o biolóxico —a partir da figura das abellas—, o social —cos rituais de tránsito e morte— e o artístico —centrado na acústica, nas paisaxes sonoras e no audiovisual.

Obradoiros de zoadeiras

Unha das pedras angulares do proxecto é a figura das zoadeiras. Existen moitas versións deste instrumento, pero a máis sinxela consiste nunha lámina de madeira atada por un extremo a unha corda. Ao facela xirar a certa velocidade produce unha vibración no ar que crea un son que imita o "zoar do vento" ou o zunido das propias abellas, explica Sanín.

Na nosa cultura, estes elementos aparecen tradicionalmente como brinquedos, hoxe vítimas do esquecemento, mais que sobreviven en mutacións contemporáneas como as que podemos observar nos spinners. Por iso, unha parte central dos esforzos dedicouse a ensinar ás máis pequenas a construír zoadeiras.

Con este fin desenvolvéronse unha serie de obradoiros en escolas e outros contextos. Ademais, o libro que están a piques de presentar ten unha parte dedicada a explicar a construción. Un paso máis lonxe, a terceira parte da publicación propón instrucións para unha performance colectiva con distintos modelos de zoadeiras.

Porén, fóra da súa función como xoguetes, quíxose tamén promover unha "reflexión do valor da arte sonora como fenómeno musical e antropolóxico". Así, Sanín relata, por exemplo, como en certas zonas de Bergantiños fican restos do que se coñece como "cova das abellas", facendo alusión ao costume de que as colmeas se atopasen dentro da casa, compartindo insectos e persoas o espazo doméstico. 

Do xoguete á vangarda

Como acontece con boa parte dos proxectos d'aCentral Folque, explica Sanín, o pedagóxico acaba ramificándose noutras direccións que levan a falar de arte de vangarda, empregando "un brinquedo que aparece en culturas universais en prácticas artísticas experimentais". Aquí enmárcase o traballo de Berio Molino, unha serie de creacións audiovisuais que afondan no universo das zoadeiras e das abellas como punto de partida, propondo reflexións sobre a vida dos insectos, a apicultura, a arte e a memoria colectiva, así como sobre a importancia de todos estes elementos para a cohesión social das comunidades.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios