Inditex propón ERTE a 37.000 traballadoras e traballadores

A empresa anunciou que tivo uns beneficios de 3.639 millóns de euros e pensa realizar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), segundo adiantou aos axentes sociais, que cifran en 37.000 as traballadoras afectadas. Perante as númerosas críticas recibidas, Inditex recuou da súa idea inicial de aplicar o ERTE a partir de 1 de abril para adialo ao 15 dese mes. 
Amancio é unha das persoas máis ricas de Europa. (Europa Press).
photo_camera Amancio Ortega, fundador de Inditex. (Arquivo / Europa Press)

A multinacional fundada por Amancio Ortega, Inditex, comunicou aos axentes sociais que ten pensado realizar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que os sindicatos indican que afectará a 37.000 traballadoras e traballadores do seu cadro de persoal a nivel estatal (ten 50.000). A empresa, unha das que ten máis éxito a nivel económico cuns beneficios declarados de 3.639 millóns de euros no último exercicio, acóllese desta maneira á posibilidade de aplicar unha das medidas acordadas polo Goberno español e aforrará de pagar até 75% do salario que terá que ser compensado polas arcas públicas.

Segundo fontes sindicais este ERTE entraría en vigor o vindeiro 1 de abril, se ben desde Inditex recuaron ante as fortes críticas recibidas e a última hora da quinta feira indicaban que sería a partir de 15 de abril. Inditex non aclara até agora que pasará coas traballadoras e traballadores temporais, coas que estean de baixa ou en excedencia, ou coas vacacións das afectadas. Nesta medida non estrarían as empregadas e empregados de almacéns loxísticos para garantir o funcionamento do servizo online e os envíos aos países que seguen coas tendas abertas.

“Non é o momento”

Desde CCOO solicitan a Inditex que aclare o futuro do seu cadro de persoal. "O mesmo día que anuncia uns beneficios de 3.639 millóns de euros e poñerse a disposición do Goberno para abastecer ao país de material sanitario, comunicaba aos sindicatos que presentará ERTE nos centros loxísticos de todo o Estado", sinalan desde a sección de Industria deste sindicato, "non é o momento de presentalos, podería afrontar a situación en solitario dada súa excelente situación financeira".

Este sindicato explica que, no momento en que Inditex presente de forma oficial o ERTE, exixirá "de forma contundente" que a compañía asegure, ademais de todas as garantías de seguridade e saúde para o persoal, todo o emprego do grupo, a totalidade do salario e os conceptos variábeis ás persoas afectadas.

Comentarios