Opinión

Mulleres rebeldes na Igrexa

Hai dez anos, o último artigo que publiquei na miña columna semanal de La Voz de Galicia levaba por título As mulleres nunha Igrexa machista; afortunadamente non foi censurado no xornal, como lle ocorrera a algúns outros. Dicía nel que a Igrexa católica era "unha das organizacións máis machistas da sociedade occidental", nela "as mulleres seguen ser seres humanos de segunda", e por iso moitas se afastan cada vez máis dela. Dicía tamén que "unha das materias máis pendentes da Igrexa é que as mulleres teñan realmente os mesmos dereitos que os varóns e poidan ocupar – se queren– os mesmos postos".

Foi o primeiro que me veu á cabeza con ocasión do rebumbio que se armou nos medios franceses, italianos, ingleses, alemáns, norteamericanos e suramericanos, algo nos españois e nada nos galegos, sobre a presentación de sete candidatas francesas –unha con nacionalidade galega-española– a postos de responsabilidade na Igrexa: de predicadora laica, diaconisa e cura, até bispa e nuncio. Pertencen ao colectivo "Toutres apôtres" (Todas apóstolas); quen queira coñecer o valente manifesto que leron ante os medios o pasado 22 de xullo e os currículum das candidatas, pode lelo na súa web.

Parecía que algo cambiara verbo de hai dez anos; polo menos na actitude dalgunhas mulleres na Igrexa, e con elas moitas máis na sombra. Nestes anos, Christina Moreira –feminista, cristiá e teóloga, e ademais a miña dona–, foi ordenada sacerdote por unha bispa norteamericana, sumándose a outras case 300 no mundo; aínda que sexa ela soa en Galiza e en España. "Se fose varón, a miña ordenación sería totalmente lexítima", mais "aínda non me puxo Deus un teito de cristal coma o que impoñen os poderosos da institución católica", dixo na web Religión Digital. O seu paso adiante foi ben acollido por moitas mulleres e homes, pero criticado por outras; ou ninguneado, como fixeron maiormente nesta Igrexa e neste país "resignado e suicida", como dicía Manuel María. Pero ela ten unha comunidade de base na que exerce o seu ministerio/servizo e invita/mos a quen queira a participar na celebración dominical

Comentarios