Opinión

As mulleres no sector pesqueiro: as redeiras

En calquera porto pesqueiro de Galicia represéntanse cada día fielmente as tradicións mariñeiras, traballos de mar que forman parte da vida cotiá destas vilas.
 

Preto de cada un dos peiraos das aldeas de ribeira, repítese a mesma estampa, a labor de atar; grupos de mulleres artesás, herdeiras da historia mariñeira de cada vila, que animadamente conversan aínda que os seus ollos non se despegan dos aparellos e das agullas que teñen entre as mans, mans curtidas pola salitre, polo frío e polo traballo. «É un labor moi bonito e gratificante, aínda que moi pouco recoñecido e valorado polas autoridades». Esta é a queixa xeral en cada porto.
 

Malia que duns anos para acá foron mellorando as condicións laborais, gracias as asociación e a participación activa das traballadoras na regularización dos oficios, que supuxo acabar en parte coa súa invisibilidade, aínda que o recoñecemento, as coberturas e os soldos distan moito da mellora e do ríspeto que este oficio merece, prevalecen os roles e os comportamentos que reforzan a desigualdade entre homes e mulleres, que minguan a capacidade de empoderamento feminino dentro do sector.
 

O oficio de redeira é unha peza indispensable para o funcionamento dos portos. As redeiras son un colectivo de traballadoras que, a diario, fan o seu traballo nos portos galegos elaborando e remendando redes e aparellos pesqueiros.
 

O feito de ser muller fixo que durante moitos anos o seu traballo fose invisible para as administracións, coa correspondente perda de dereitos que iso representa. Os datos oficiais falan dunhas 700 mulleres que actualmente traballan en Galicia como autónomas, aínda que a realidade é outra: estímase que este número pódese duplicar se contamos coas que traballan de forma ilegal. O intrusismo é un dos problemas máis importantes deste colectivo, o traballo non regulado e a economía somerxida xeran unha competencia desleal que provoca que as redeiras teñan uns salarios baixos e unhas deficientes condicións laborais.
 

Pese a estar recoñecidas dentro do Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores do Mar, non se lles recoñecen as enfermidades derivadas da súa profesión nin se lles aplican os coeficientes redutores na idade de xubilación.
 

Outra problemática é a formación, unha das reivindicación máis importantes do colectivo, e que se impulse un plan de formación profesional que mellore as condicións e que lle confira o valor que este oficio merece, e non como ven presentando a Xunta de Galicia con cursos de capacitación profesional de non mais de dous a tres meses de duración, tempo insuficiente para adquirir un mínimo de nocións do oficio, pois non só se basea en atar, tes que coñecer o tipo de aparello, os pesos, a caída, o tipo de captura e a profundidade na que faena, tipo de arte, os forchos, e outros tantos datos que se aprenden con anos de práctica.
 

A profesionalidade e a posta en valor do sector garantirá que o relevo xeracional, que é un dos problemas ós que se enfronta a continuidade esta profesión tan necesaria para Galicia, sexa mais atractiva e garanta unha formalización da ensinanza, dunha artesanía ancestral da nosa terra.
 

Mais parece que a situación actual, derivada de políticas que están desprazando a pesca artesanal e os oficios do mar por pesca industrial e piscicultura, vai dirixida a que desaparezan todos estes oficios.

Comentarios