As mulleres que menos cobran están no sector agrícola, segundo Gestha

O sector bancario e o de seguros son os que presentan as maiores fendas salariais.
mariscadoras tres 900
photo_camera Mariscadoras (Arquivo)

Agricultura, gandería, silvicultura e pesca son os sectores nos que as mulleres cobran menos. Segundo os datos do informe 'Fenda salarial e teito de cristal' elaborado polos Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), os soldos destas traballadoras apenas superan os 5.300 euros, o que supón cobrar 3.400 menos que os homes que desenvolven o seu traballo nestes mesmos sectores.

O avanzo deste estudo, presentado na antesala do Día da Muller, destaca que as mulleres están a percibir de media 4.915 euros menos que os homes e que, por tanto, deberían incrementar 28,6% os seus salarios para equiparalos cos dos seus compañeiros varóns. 

Os sectores bancario e asegurador son os que presentan a maior fenda salarial. Segundo os datos recollidos no estudo, as mulleres que traballan en banca e seguros cobran case 15.000 euros menos. Aínda así, trátase dos ramos en que os soldos son máis elevados, superando os 31.500 euros de media, e nos que a súa ocupación resulta maioritaria, apuntan desde Gestha.

Por detrás destes sectores figura o das TIC. A desigualdade nas empresas de tecnoloxías da información e as comunicacións fai que as mulleres cobren arredor de 7.300 euros menos. Séguenlle a industria extractiva, a enerxía e o agua, onde as diferenzas entre uns e outras practicamente acadan os 6.500 euros.

Doutra banda, o  estudo constata o menor peso feminino no ámbito laboral, si ben existen diferenzas substanciais entre sectores, posto que mentres a representación de mulleres na área da construción e as actividades inmobiliarias nin sequera chega a 22% sobre o total de asalariadas, nos servizos sociais copa máis de 62% dos postos de traballo.

Comentarios