As mulleres e a innovación nas artes intermedias, nova parada do programa "A cultura é un dereito"

Desenvolveranse 8 e 9 de abril no Teatro Colón da Coruña, e no marco do ciclo organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

culturadereito

Nova parada en “A cultura é un dereito”, o programa organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. É "Mulleres e innovación nas artes intermedias" e desenvolverase os días 8 e 9 de abril no Teatro Colón da cidade coruñesa. Estarán a directora da compañía de danza e teatro Konic e tamén a directora do festival Internacional Ecoss, ecosistemas do inesperado, de Barcelona, Rosa Sánchez, como comisaria.

O programa incluirá a xornada "Elas teñen a palabra" que terá lugar o día 8 de abril e "Elas son dixitais/intermedia" que se desenvolverá o 9, ambas as duas cun programa que inclúe mesas de debate con especialistas, instalacións e distintos espectáculos ademais de dous obradoiros para os que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse con anterioridade.

O primeiro dos obradoiros céntrase na creación de vídeo poesía e está conducido por Belén Montero, directora de Versogramas. A sesión terá lugar o día 8 ás 15 horas e consistirá nun achegamento teórico-práctico á composición multimedia, de xénero, tecnoloxía e fala. Ao rematar, terá lugar un open lab-impro aberto ao público e conclusión de final do Obradoiro.

"Experimentación audiovisual con interfaces brandas", é o título do obradoiro de creación dixital que terá lugar o día 9 ás 15 horas impartido pola artista, investigadora e docente, María Castellanos que concluirá tamén cunha exposición aberta ao público.

As xornadas complétanse con instalacións, espectáculos e mesas de debate nas que está previsto que inteveñan coñecidas artistas e profesionais como Margarita Ledo, María Ruído, Marta Pérez, Belén Montero ou Sonia Méndez.

"O programa ten como obxectivo contribuír á igualdade en todos os ámbitos da cultura", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. A comisaria, Rosa Sánchez, subliña que a iniciativa é "un programa de xénero, unha fiestra de visibilidade para as mulleres que contribúen á cultura da innovación tecnolóxica no marco das medias artes".

Comentarios