Imprimir

As mulleres están invisibilizadas nos arquivos públicos

Redacción | 21 de marzo de 2019

De esquerda a dereita, Olimpia López, María Xosé Porteiro, Rosario Álvarez, Dolores Pereira, Mariám Mariño, na presentación do informe do Consello da Cultura Galego sobre os arquivos de Galiza. Foto: Consello da Cultura Galega.
De esquerda a dereita, Olimpia López, María Xosé Porteiro, Rosario Álvarez, Dolores Pereira, Mariám Mariño, na presentación do informe do Consello da Cultura Galego sobre os arquivos de Galiza. Foto: Consello da Cultura Galega.

Un informe do Consello da Cultura Galega presentado esta quinta feira vén de concluír que as mulleres, como categoría documental, atópanse “invisibilizadas”. “A presenza das mulleres nos criterios de ordenación, clasificación e difusión é inexistente e incúmprense as leis de igualdade, de arquivos e de transparencia”, conclúe o documento.
 

Dolores Pereira, Olimpia López e Mariám Mariño son as autoras de Informe sobre os arquivos públicos en Galiza. Unha perspectiva de xénero e feminista. “Non só son depósitos que xuntan documentación administrativa, senón centros que atesouran a memoria colectiva dun país”, indica a insitutición, “por eles podemos saber datos como o número e características de profesionais dun sector, quen solicita licenzas de obra, quen compra unha vivenda ou quen paga impostos”.

 

O estudo “penetrou en todos os arquivos públicos: autonómicos, locais, provinciais, centros de titularidade estatal xestionados pola Xunta, órganos estatutarios e universidades”, até un total de 58. E deles extraeron o “ermo total no tratamento con perspectiva de xénero na documentación que gardan”.

 

No que respecta aos incumprimentos lexislativos detectados polas investigadoras, a ausencia de descritores de xénero ou o uso de linguaxe discriminatoria vai contra a Lei de Igualdade. A de Transparencia contravéñena “porque non existe acceso libre á información nos sitios web sobre as profesionais deste espazo”.

 

Por un Plan de Arquivos de Galiza


Ao tempo, o Consello da Cultura tamén detecta falta de dotacións. E é que só 32 dos 313 concellos galegos contan con servizo de arquivo. “Unha das nosas conclusións máis importantes é a demanda da elaboración dun Plan de Arquivos de Galiza que dea cumprimento ao mandato da correspondente lei”, di, segundo a que o mencionado plan “é preciso para a configuración, organización, integración, servizo e difusión dos arquivos de Galiza”.

 

O informe chama, ademais, a “incorporar perspectivas de xénero” nas ferramentas de difusión do patrimonio documental e nos instrumentos de organización e de descrición dos fondos documentais. “Isto permitiría obter información máis precisa sobre a presenza de homes e mulleres en toda canta actividade nos interese estudar”, afirmou Dolores Pereira na presentación do texto canda as outras autoras, a presidenta do Consello da Cultural Rosario Álvarez e a coordinadora de Igualdade da institución María Xosé Porteiro.

 

Nesta ligazón pode consultarse o informe completo: http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4330

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/mulleres-estan-invisibilizadas-nos-arquivos-publicos/20190321164631077290.html


© 2020 Nós Diario