Eliminar o machismo da música. Ese foi o principal obxectivo da xornada promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña dentro do programa “A Cultura é un dereito” e que congregou unha vintena de mulleres galegas que traballan no ámbito musical. Unha iniciativa que contou con mesas redondas e concertos de Mounqup, Naima Acuña e Cora Novoa, ademais dunha conversa con Ses.
Da xornada saíu o documento “Cara os lentes violetas na música”, elaborado pola asociación Mulleres na Industria da Música e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e que ten como fin contribuír a avanzar na igualdade nos distintos ámbitos da música.
As liñas de acción
O documento, que foi presentado na sesión da mañá, recolle medidas como incentivar ou premiar aqueles proxectos que conten cunha política de igualdade estabelecida e, en sentido contrario, propón a introdución de cláusulas nas convocatorias que tendan á eliminación da presenza nas programacións financiadas ou contratadas polas administracións de formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten.
Trátase, segundo contempla a proposta, de “non contribuír con diñeiro público a manifestacións musicais que contribúan á desigualdade, sexismo, marxinación, ou violencia contra as mulleres”.
Outras das propostas de “Cara os lentes lilas” indican a necesidade de incentivar ou premiar aquelas áreas “non ocupadas” habitualmente por mulleres ademais de pular pola paridade nas comisións, xurados ou tribunais designados para valorar desde as institucións proxectos vinculados á música. Aliás, as asociacións demandan máis promoción de formación dirixida ás mulleres naquelas áreas con menor presenza e a elaboración de informes da situación das mulleres na música galega, con censos ou catálogos da súa presenza.
A proposta convida as institucións e entidades a incentivar ou premiar proxectos construídos con perspectiva de xénero.
"Queremos unha vida máis digna", di Sanmartín
A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, puxo de manifesto que “queremos unha vida máis digna e eliminar a discriminación patriarcal. O que as mulleres temos en común é que nalgún momento das nosas vidas padecemos o teito de cristal que nos oprime e os chans pegamentos que non nos deixaba camiñar”.
“Saber que está a acontecer, ter un diagnóstico e mover unha peza para que ese produza o efecto dominó é o obxectivo desta iniciativa que quere reflexionar mais tamén avanzar no camiño da igualdade”, explicaba Goretti Sanmartín ao inicio da xornada que se desenvolvía o sábado, día 19, no Teatro Colón da Coruña no marco do programa de iniciativas que desenvolve a súa área para fomentar a igualdade desde o ámbito cultural, como o premio Begoña Caamaño de proxectos culturais feministas ou o Luísa Villalta.