Opinión

Mulleres na ciencia: na procura dun laboratorio propio

“As mulleres non van chegar; xa están”  ​Margarita Salas, bioquímica 

Lembro ler o ano pasado un titular da RTVE que rezaba o seguinte: “Menos del 30% de los investigadores científicos en el mundo son mujeres, según la Unesco”. Un dato tristeiro, pero nada novo. Por iso mesmo, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu no ano 2015 o 11 de febreiro como o Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia co obxectivo de concienciar á poboación da desigualdade existente neste campo e, xa de paso, para dar unha maior visibilidade a aquelas mulleres que forman parte del. Como aviso importante: non é cousa sinxela.

Pola súa parte, a escola de negocios IMF Business School lamenta nun informe que, aínda tendo en conta que hai unha maior porcentaxe de mulleres que teñen títulos universitarios fronte aos homes, a cifra decrece “exponencialmente” cando falamos dos estudos de ciencias, tecnoloxías ou enxeñerías. En España, segundo o CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), o número de catedráticas non chega ao 25% no caso das carreiras ou Grados científicos. Hai moitas razóns que explican este feito, pero o estereotipo de cómo debe ser la mujer fixado por unha cultura patriarcal, se cadra, é unha das máis fortes. Isto afecta tanto a mulleres como a homes, e proba disto son profesións como a de enfermeira ou mestra, onde a excepción, a rareza, é atopar máis homes que mulleres dentro do cadro de persoal.

No ano 2020, o 32% dos adolescentes seguen a considerar que existe unha distinción entre xéneros e as súas capacidades á hora de levar a cabo determinados traballos. O informe PISA reflicte que as mulleres son peor avaliadas nas materias de física e matemáticas e “sobre avaliadas” noutras materias como lingua, orientando ás nenas a facer carreiras vencelladas ás ramas social e de humanidades.

A presenza feminina na ciencia amosa cifras pouco alentadoras: o ano pasado, a iniciativa española 11 de febrero presentou un informe sobre os plans de futuro dos máis pequenos, no cal só un 7% das nenas afirmaba que de maior quería ser científica. Outra das causas que nos leva a esta situación é a ausencia de referentes para as crianzas, e non porque non teñan existido mulleres na ciencia, senón porque nos libros de historia, na memoria colectiva, non existen estas mulleres.

A ‘alta esfera’ académica tamén fai proba desta desigualdade: só un 5% dos Premios Nobel foron entregados a mulleres desde que se celebrou a cerimonia por primeira vez (facendo media de todas as categorías existentes: de 998 premios totais, 54 foron recollidos por mulleres). Nas categorías de Medicina, Física e Química, obtemos unha relación similar: 20 galardóns entregados a 19 mulleres, ao recoller Marie Curie o Nobel en dúas ocasións para as categorías de Física e de Química. Isto non quere dicir que non haxa mulleres tras os equipos e descubrimentos que marcan o avance do noso mundo: isto quere dicir que, en gran parte, a nosa presenza ou está silenciada ou non acada a resposta que cómpre para perdurar no tempo.

As mulleres son menos citadas que os homes, segundo un artigo publicado na revista Nature no ano 2013, o cal analizaba máis de 5 millóns de traballos e artigos de investigación. Outro análise tamén afirma que os homes fan autocitas un 56% máis que as mulleres, o cal indica unha maior mostra de confianza no seu propio traballo. No ano 2014 Fortune revelou que as avaliacións sobre os traballadores de empresas tecnolóxicas amosaban críticas moito máis duras e negativas no caso das mulleres (para ser máis exactos, cunha diferencia do 87,9% fronte a un 58,9% no dos homes). O 75% dos informes sobre traballadoras femininas contiñan comentarios respecto á personalidade da traballadora e non do seu desenvolvemento laboral, cunha clara intencionalidade aldraxante: mandona, agresiva, irracional... son só uns exemplos. Só o 2% dos informes adicados a traballadores masculinos incluían este tipo de críticas.

É moi complexo estudar a invisibilidade da muller neste eido, xa que o prestixio dun investigador ou estudoso depende -en gran medida- do recoñecemento dos demais membros da comunidade científica, pero o esquecemento dun xeito sistemático destas figuras ao longo da historia (denominado como “Efecto Matilda” por primeira vez pola sufragista Matilda Joslyn Gage no seu ensaio La mujer como inventora) é unha realidade amplamente estudada e, ademáis, fai que moitas profesionais se sentan pouco valoradas dun xeito independente aos seus logros, xa que certamente, o seu futuro fica á deriva doutras circunstancias alleas ás súas capacidades. Á falta de recoñecemento segue, como é lóxico, a perda de motivación

.Como homenaxe e como muller, eu quero falar dalgunhas das mulleres que máis fascinación me producen como alento a todas aquelas rapazas cuxo soño é chegar a formar parte dun ‘Man’s world’ total: elas conseguírono.

Vera Rubin (1928 - 2016) Astrónoma

Apaixonada da astronomía desde pequena, construíu coa axuda do pai o seu primeiro telescopio para poder rastrear meteoros dende a xanela da súa habitación. Quixo formar parte da institución de Princeton, pero non foi aceptada xa que, naquela época, as mulleres non estaban permitidas nos estudos de astronomía. Foi parar á Universidade de Cornell, estudando física cuántica baixo a tutela do Nobel Richard Feymann. Traballou no ámbito da rotación de Galaxias (en especial da nosa veciña Andrómeda), sendo a segunda muller en recibir o recoñecemento da London's Royal Astronomical Society polos seus descubrimentos. No ano 1965, converteuse na primeira muller en utilizar os instrumentos do Observatorio Palomar, que ata aquel momento presentaban un acceso de carácter restrinxido para as femias. Foi a primeira persoa en falar da materia escura, a cal centra hoxe en día (xunto coa enerxía escura) o debate sobre o futuro comportamento do cosmos, obtendo evidencias grazas a toda unha vida de observacións e de traballo frenético.

María Wonenburguer (1927 - 2014) Matemática

Matemática recoñecida a nivel mundial… e galega (de Oleiros mesmiño). Foi a primeira muller española en recibir unha bolsa Fullright para estudar no estranxeiro. Pese aos desexos dos seus pais, que querían que María estudara enxeñería para continuar así co negocio familiar, esta muller decidiuse polas matemáticas, doutorándose na Universidade de Yale cun traballo sobre a Teoría de Grupos dirixido polo distinguido alxebrista Nathan Jacobson. Cando regresou a España, non tivo opción de validar o título, e veuse obrigada a cursar outro doutorado, traballando como investigadora no CSIC. Pasou varias etapas da súa vida fóra da Galiza, unha delas na Universidade de Toronto (sendo ela a única muller do claustro), onde desempregou o papel de tutora nun traballo doutoral que deu paso a un novo tipo de álxebra, coñecéndose este como teoría de álxebras de Kac-Moody. María permaneceu no esquecemento moito tempo, ata que unhas alumnas de matemáticas decidiron dárlle á súa achega a importancia que realmente merecía. A partires dese momento, María Wonenburguer comezou a acadar certo recoñecemento público (na nosa terra: fóra, a súa figura era amplamente coñecida). Foi nomeada Doctora Honoris Causa pola Universidade da Coruña e membro da Real Sociedad Matemática Española. Fai uns anos, moitos estudosos admitían ter usado o seu traballo sen saber que esta muller de impecable traxectoria era galega. A día de hoxe, a Xunta premia ás mulleres investigadoras cun galardón que leva desde 2007 o seu nome.

Fabiola Gianotti (1960) Física

Polímata de nacemento. O cliché dos científicos que só ven datos e teoremas con ela non casa: aínda que busca dar resposta ás grandes preguntas que se formulaba de pequena traballando no eido da física de partículas, Fabiola segue igualmente interesada pola filosofía e as artes: o coñecemento non exclúe. Comezou a súa andaina no CERN como voceira do proxecto ATLAS, que saltou á fama no ano 2012 ao atopar unha partícula compatible co bosón de Higgs, básico para entender o proceso que leva ás partículas fundamentais a ter determinadas masas. No ano 2014 foi elixida como nova Directora do CERN, sendo así a primeira muller en ostentar este cargo desde o ano 2016. Nomeada Doctora Honoris Causa pola Universidade de Upsala, a École Polytechnique Fédérale de Lausana e as Universidades de McGill, Edimburgo e Oslo, Gianotti foi elixida como unha das principais pensadoras globais pola magazine Foreign Policy. É, segundo a Forbes, unha das 100 mulleres máis influentes do mundo e, no 2012, foi tamén nomeada como a quinta personalidade máis importante dese mesmo ano para a Times.

Somos o 49% do mundo. Non é factible permanecer na sombra, nin xusto, nin intelixente. Cómpre mudar a situación: por Rosalind Franklin, por Lynn Margulis, Hedy Lamarr, Jane Goodall, por todas as nenas que virán e para que o seu futuro non sexa un camiño de pelexas nin desplantes: querer mellorar a vida das persoas non pode, baixo ningún concepto, obter réplica algunha.

Comentarios