Opinión

Mulleres asasinadas

No 2007: 71 mulleres asasinadas en España por violencia machista.

No 2007: 71 mulleres asasinadas en España por violencia machista. No 2008: 84. No 2009: 68. E a secuencia desta barbarie criminal dende o 2009 e até o 2014 percorre as cifras 85, 67, 57, 57 e 59. Só no mes de xullo do 2015 foron asasinadas por homes en España 17 mulleres. E, cando se escriben estas liñas, contabilízanse 4 mulleres asasinadas en España nas últimas horas, superando xa o cómputo xeral, a estas alturas do 2015, as 70 vítimas mortais. ¿E cantas mulleres son asasinadas, polo feito de seren mulleres, no mundo? Existe un estudo da ONU, referido ao ano 2012, que fala de 43.600 mulleres vítimas mortais das súas parellas masculinas, e existe tamén un estudo realizado pola Organización Mundial da Saúde (2013) que dá conta de que un 38,6% das mulleres asasinadas no mundo faleceron a mans das súas parellas. E pódese dar outro número, resultado dunha exhaustiva investigación dirixida pola doutora Heidi Stöckl (Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres): un total de 492.340 mulleres asasinadas en 66 países nos últimos vinte anos.
 
E, aínda así, co estarrecedor que resulta esta cifra próxima ao medio millón de mulleres asasinadas polas súas parellas en dúas décadas, todas as investigacións sinalan que se trata de estimacións moi por debaixo da verdadeira magnitude desta realidade universal que constitúe unha das máis grandes vergoñas e fracasos da humanidade. A doutora Stöckl fala da existencia dunha “falida resposta social, sanitaria e penal á violencia na parella”, mais, sendo isto así, convén partirmos do feito de que vivimos (aínda hoxe, en pleno século XXI) nun universo cultural no cal a idea central do patriarcado é a representación da masculinidade a través do dominio sobre a muller (Inés Alberdi).

Un total de 492.340 mulleres asasinadas en 66 países nos últimos vinte anos 

O certo é que segue altamente vixente en moitas capas ou segmentos da sociedade occidental o que no século XVIII preconizaba o misóxino J. J. Rousseau cando puña por escrito que “a muller está feita para obedecer ao home; a muller debe aprender a sufrir inxustizas e a aturar tiranías dun esposo cruel sen protestar”. E engadía o filósofo franco-helvético: “A docilidade por parte dunha esposa fará a miúdo que o esposo non sexa tan bruto e entre en razón”. Textual. ¿Mais non publicou no ano 2013 o católico Arcebispado de Granada un libro titulado “Cásate y sé sumisa”? A súa autora, a xornalista Constanza Miriano, entre outras linduras, afirma no seu exitoso libro —foi un dos libros máis vendidos en España non máis chegar ás librarías— que “moitas mulleres loitan cos maridos e chegan a ser insoportábeis, só porque non comprenderon o segredo da acollida, nin tampouco o da submisión, nin o da obediencia como acto de xenerosidade”. Tamén textual. E aínda o católico Arcebispado de Granada na páxina final do libro di que tal iniciativa editorial se sostén grazas ao traballo, a confianza e a boa vontade das persoas que cren nela. E chega mesmo a solicitar colaboración económica para tal “misión” adxuntando un número de conta bancaria. Vermos para crer.

Así se entende que a socióloga e catedrática Inés Alberdi —autora, por certo, dunha excelente biografía de Emilia Pardo Bazán— denuncie con todas as letras que a Igrexa católica en España segue na idea de que as mulleres son inferiores, “e iso é unha das sementes da violencia”. E aínda se pregunta a feminista e pensadora sevillana cantas veces ten realizado a Igrexa católica declaracións contra a violencia de xénero ou a prol da igualdade: “Eu acho en falta que cando fala dos problemas da familia non denuncie nin saia á rúa en contra da violencia machista”.

En realidade, como acontece con moitos dos problemas que padece a humanidade, a solución está na educación. Como di Rashida Manjoo, relatora das Nacións Unidas para a Violencia de Xénero, a educación é a clave: na familia, no colexio, nos medios de comunicación e, para os crentes, no seu ámbito relixioso respectivo. Educación contra o machismo e o autoritarismo. Educación para a igualdade e para a cidadanía. Educación, en definitiva, contra o mito “transhistórico” e patriarcal de que o home é o centro do universo e medida de todas as cousas.

Comentarios