Anaír Rodríguez e Abi Castillo publican 'Pioneiras 2'

Un álbum sobre mulleres que abriron camiño

No outono de 1913, Elisa Patiño converteuse na primeira galega en pilotar unha aeronave. “A señorita Patiño, primeira e intrépida galega que voou”, titulou daquela a revista Vida Gallega, “tres veces se elevou esta xentil paisaniña no aeródromo de Baltar”. A súa é unha das 11 figura que compoñen o segundo volume de Pioneiras. Galegas que abriron camiño.
 

pioneiras 2
photo_camera Detalle da cuberta de 'Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño'. Imaxe: cedida.

Escrito por Anaír Rodríguez, ilustrado a toda cor por Abi Castillo, e publicado por Xerais, o álbum volve pescudar nas biografías de “precursoras galegas que merecen ter un maior recoñecemento social, mulleres donas de si que foron capaces de desviarse do vieiro que a sociedade do momento lles reservaba”. Dirixido ao lectorado infantil, Pioneiras 2 retoma os propósitos do exitoso primeiro volume e procura a outra versión da historia oficial.

vuelo-pontevedresa-2

Para iso, ademais de Elisa Patiño, Rodríguez e Castillo fan comparecer a primeira astrónoma -Antonia Ferrín-, a primeira arquitecta -Rita Queimadelos-, a xogadora de hockey sobre herba -Antonina Sanjurjo-, a primeira actriz “en escenarios americanos” -Mercedes Mariño-, a inventora do primeiro libro electrónico -Ángela Ruiz Robles-, a primeira alcaldesa -Concepción Pérez Iglesias, en Portas, en 1925-, a “pioneira da renovación pedagóxica” -María Barbeito-, a inventora dos traxes de auga -Joaquina García-, a primeira licenciada universitaria -Manuela Barreiro Pico- e a primeira fotógrafa con estudio propio -María Cardarelly, que fotografou Rosalía de Castro.

“Aínda son poucas as mulleres que se fan cun oco no relato oficial da historia, escrito tradicionalmente baixo a ollada masculina que excluíu, invisibilizou ou minusvalorou as contribucións feitas polos demais xéneros”, sinala Rodríguez na nota introdutoria.

Nese texto tamén explica como as grandes mobilizacións feministas do 8M do pasado ano influíron no suceso de Pioneiras. Galegas que abriron camiño (Xerais 2018). “A boa acollida do álbum entre as lectoras e no relativo ao seu aproveitamento nos centros de ensino, é só reflexo do éxito do propio movemento feminista”, sinala.

Xustamente Elisa Patiño, a aviadora, exemplifica o carácter indomábel, transgresor, destas pioneiras. Non só na Galiza. “Nesa época aviación era unha práctica exclusivamente masculina e, a nivel mundial, as mulleres que se atrevían a realizar voos eran aínda poucas”, escribe Anaír Rodríguez. Unha delas despegou de Baltar, en Sanxenxo, en 1913.


Nota: foto da aviadora Elisa Patiño, unha das figuras incluídas en Pioneiras 2.

Comentarios