Opinión

Muller tiñas que ser

A pesar de que os estudos amosan que os homes menores de 30 anos teñen un 25% máis de accidentes e que os accidentes dos homes son máis graves que os das mulleres, seguimos coa idea de que as mulleres conducen peor

Hoxe viña dun paseo polo monte coa miña amiga Laura no meu coche e decidimos ir tomar algo. Chegamos a unha ponte onde por non haber espazo para dous carrís, está o típico sinal coas frechiñas negra e vermella que indican cal dos lados ten a preferencia: chámase sinal de “prioridade ao sentido contrario”. Isto é, a prohibición de entrada nun paso estreito mentres non sexa posible atravesalo sen obrigar os vehículos que circulan no sentido contrario a deterse. Eu non tiña a prioridade pero non había ninguén, así que me metín. Cando estaba exactamente a 3 metros de saír da ponte, entrou un Nissan, nada pequeno nin arrimándose, por certo. Indiqueille varias veces (seis, sete, perdín a conta) que dera marcha atrás. El non se moveu, e puxo nos seus beizos un sorriso permanente, falando cunha muller (supoño que a súa muller, pois detrás estaba unha nena) tranquilamente.

Chegados a un punto da loita de poderes tras un par de minutos, eu soltei o embrague e puxen o punto morto, mais el incluso apagou o coche. Ningún dos dous estabamos dispostos a ceder, a pesar de que todas as normas de circulación explican claramente que el xa nin se podía meter, menos deterse e pretender… que? Non sei moi ben que buscaba, se que eu dese marcha atrás 20 metros ou que tentase pasar; subíndome a un pequeno bordiño, arriscándome a raiar o coche ou a romper o retrovisor.

Isto de hoxe fíxome pensar en como a miña nai fai anos me dicía “en canto comeces a conducir, verás o machismo que hai”…

Como digo, eu non estaba disposta a ceder. Antes chamaría á Garda Civil, así estiveramos alí dúas horas. Pero entón pasou algo moi curioso. Pola ponte ía un señor en bicicleta. Cando pasou xunto nós dixo “pero que lle dea para atrás!” e cando pasou xunto el díxolle “dálle para atrás, home, dálle para atrás!”. Entón, o tipo do Nissan, tan galiño que era, cedeu e deulle para atrás.

Mentiría se dixese que cando as nosas xanelas de pilotos se cruzaron non lle soltei un “gilipollas” protocolario e sen moita gana (el xa perdera a batalla, a pesares de que tivese que ser porque un home llo dixese, e non a lóxica inferior do meu cerebro de chica nin os 9 coches que se xuntaron nese momento tanto detrás de min coma del e lle pitaban). Como digo, eu xa gañara, e non estaba nada alterada. Non o estaba ata que un machirulo dos outros coches me berrou “muller tiñas que ser!”. Aí xa me alterei, e moito. Boteime fóra da xanela e non lembro nin o que lle berrei, mentres el me facía un corte de mangas.

Para rematala, outro coche máis, do “meu equipo”, pois dábame a razón a min, díxome que non me puxese ao seu nivel. Aínda explicándolle o comentario que fixera o outro condutor, seguiu dicindo que non me rebaixase. Resulta que agora outro home tamén me ten que explicar como teño ou non teño que defenderme ante un ataque machista.

Isto de hoxe fíxome pensar en como a miña nai hai anos me dicía “en canto comeces a conducir, verás o machismo que hai”…

E si, se por “muller” entendemos non conducir dun xeito absurdo, non pretender que as normas de tráfico se adapten unha lóxica de simio (con todos os meus respectos aos simios) e non ceder ante a imposición dun macho borracho de privilexio… Si. Muller tiña que ser, e encantada de selo.

Comentarios