A muller que fumaba e andaba en bicicleta, por Xoán Costa

Herminia Rodríguez-Borrell Feixóo,  muller mítica da aristocracia coruñesa, con festa de maioría de idade no Pazo de Meirás sob patrocinio de Pardo Bazán. Seica foi un tanto rebelde e a xente non parou de falar dela.

Sen titulo

“Por unha de Camariñas
vivo no mundo, vivo penando”

Seguramente Nubar Gulbenkian nunca pasou por Camariñas, nen cantando nen vendo lavar no río as camariñás. Mais non puido fuxir da cuarta estrofe desta canción e moito menos da muller que aparece no retrato pintado por Elena Olmos Mesa e que podemos ver no museo de Belas Artes da Coruña.  Ela é Herminia Rodríguez-Borrell Feixóo, nada en Camariñas  en 1897 no seo dunha familia que fixera fortuna en Cuba. 

Muller mítica da aristocracia coruñesa, con festa de maioría de idade no Pazo de Meirás sob patrocinio de Pardo Bazán, e seica un tanto rebelde, a xente non parou de falar dela. Foi a primeira muller en fumar en público, en montar en bicicleta, en casar polo civil, ter carné de conducir ou comprar moto.

En 1919 estaba en Londres estudando inglés. E a xente comezou a dicer que andaba atrás dela un rei mouro. Era o magnate armenio Nubar Gulbenkian, fillo do filántropo Calouste Gulbenkian, co que casou, coa oposición das dúas familias, en 1922 para se divorciar uns anos despois, en 1928.

Retornou á Coruña e pasou a viver no pazo de Sigrás. Comprou unha moto e dedicouse a coleccionar cerámica de Sargadelos e obras de arte. Xoga tenis no Sporting Club e ten un barco no Náutico, o Betty III, co que Linares Rivas gañou algunha regata, foi presidenta honoraria do Deportivo. No ano 1934 denuncia un roubo por valor de 175 pesetas noutro barco seu, o “Pirata”. Un irmán de Herminia, de nome Max, casou en marzo de 1936 con Carmen Alvarez de Soutomaior, filla de Fernando Álvarez de Soutomaior, sendo ela a madriña. O padriño non puido ser o pai da noiva pois estaba convalecente dun accidente de automóbel.

Cóntase que quen iniciou Franco na pesca do salmón foi Maximino Rodríguez Feijóo-Borrell, alcumado Max Borrell, natural e veciño de A Coruña, provincia da que chegou a ser gobernador civil , sendo asiduo visitante no Pazo de Meirás onde Franco fixaba e residencia de verán e a quen acompañaba na pesca polos coutos do Ulla e outros de Galiza e Asturias e tamén a bordo do iate Azor na procura de atúns.

El Orzán cualificou Herminia de muller “arrogantísima, bela, intelixente e  elegante” mentres que Franco non encontrou para a cualificar outras palabras que “mujer de bandera”.

Cando morre, en 1971, en condicións propias de seres desamparados,  a prensa fala dela como “dama coruñesa de singular personalidade”

Sen dúbida.

Está enterrada no cemiterio de Santo Amaro.

Comentarios