A muller que colocaba o instrumento entre as pernas, por Xoán Costa

debuxo violonchelo
photo_camera Retrato de G. Suggia pintado en 1902 por Augustus Edwin John

A sala de concertos da Casa da Música do Porto leva nome de muller. De muller que significou un antes e un despois na historia da música, especialmente na historia do violonchelo, instrumento vetado para mulleres até o século XX por considerar impúdicos, indecorosos e inmorais os 45 cms. de pernas abertas que require a postura precisa para a súa execución.

Guillermina Suggia, coñecida como a maga do violonchelo, fixo carreira como solista en competencia directa cos máis afamados músicos do momento. Mais nada chamou tanto a atención como a súa forma de tocar. A prensa di que tocaba o instrumento “como os homes” mais non se refería a que tocaba igual de ben, ou mellor, do que os homes. Referíase a como o colocaba: entre as pernas, colocaba o violonchelo entre as pernas, cousa que até ese momento ningunha facía.

En abril de 1924 actuou por vez primeira na Galiza, en Vigo, no teatro Odeón, dentro do programa da sociedade “La Filarmónica” voltando nos dous anos seguintes. Agora, ano 1926, xa é tratada como “un astro de primeira magnitude que brilla con luz propia”. Aínda que, iso si, é sempre comparada con “nuestro gran Casals” se cadra debido a que daquela ambos estaban unidos profesional e sentimentalmente e a crítica falaba deles como “os dous mellores violonchelistas do mundo”. Así, en masculino. Ela era un violonchelista a pesar de que escandalizaba que para tocar colocase o  violonchelo entre as pernas.

Comentarios