Cando non se cumpriu unha semana do asasinato de Conchi Reguera Peón, veciña de Pontesampaio (Pontevedra) de 38 anos, a mans da súa ex parella, confírmase que o caso da muller que “caeu” dun terceiro piso no barrio do Calvario, en Vigo, María Rodrigues Fernández, de 71 anos, foi asasinada. Así, a policía local de Vigo xa detivo o seu marido, Alberto José V.G., veciño do Calvario de 62 anos, como presunto autor do asasinato.
Veciñas do piso do Calvario onde tiveron lugar os feitos apuntaron que “ela non se tirou, non caeu, tirouna el”. Tamén indican que “el sempre a maltrataba”. A Xunta de Galiza advertiu que se trata dun novo caso de violencia de xénero. Deste xeito, María Rodrigues Fernández é a sexta vítima mortal de feminicidio en Galiza no que vai de ano.
María Rodrigues Fernández é a sexta vítima mortal de feminicidio en Galiza no que vai de ano
Este novo caso de feminicidio levarao o xulgado de violencia sobre a muller número 1 de Vigo, onde non constan denuncias previas contra o detido.
Concentracións contra a violencia machista
Baixo o lema “Xuntas remataremos co patriarcado criminal”, o movemento feminista galego convocou concentracións nas cidades do país. En Vigo, lugar do crime, tivo lugar a quinta feira diante do Marco, e Lugo acollerá a concentración na tarde de hoxe, ás 20h, diante da Casa do Concello. O sábado, tamén ás 20h, terán lugar as mobilizacións da Coruña, diante do Obelisco; de Compostela, na Porta do Camiño; en Ferrol, na Praza do Concello; en Ourense, diante da estatua da Castañeira; e en Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, na rúa Rosalía de Castro.