Imprimir

Mato de gran valor ecolóxico, vítima de rozas "masivas e incontroladas" para previr incendios forestais

Susana Rois | 28 de novembro de 2019

Matogueiras ericáceas propias da Baixa Limia e monte rozado no alto (MEL).
Matogueiras ericáceas propias da Baixa Limia e monte rozado no alto (MEL).
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) critica a actuación interesada e descontrolada das empresas forestais que prestan os seus servizos ás xuntas veciñais. Segundo relata, levan meses arrasando o mato baixo que cobre os montes de Calvos de Randín, Bande e Xunqueira de Ambía, ecosistemas propios de alto valor ecolóxico.

O MEL denuncia publicamente as «supostas medidas preventivas» de incendios forestais que a Consellaría de Medio Rural leva a cabo nos montes ourensáns. Segundo di, os tratamentos silvícolas previstos pola Administración en 2018 están arrasando a superficie vexetal que cobre «o solo dos montes máis altos da comarca». Montes baixos provistos dunha riqueza natural moi valiosa, formada por matogueiras estábeis propias do lugar.

«Levan anos rozando o monte», explica Manuel García, presidente do Movemento Ecoloxista da Limia, «pero foi a raíz das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados polos lumes forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que se dispararon as rozas, sobre todo na Baixa Limia».

IMG_20191122_132046792O colectivo ecoloxista defende o valor paisaxístico e o interese ambiental destas matogueiras, «hábitats singulares, protexidos en moitos casos tanto pola propia normativa autonómica como a comunitaria», asegura Manuel García. «Están formadas por diferentes especies de ericáceas: carpaza, queirugas, toxos molares e numerosas herbáceas».

García critica que gran parte das medidas previstas pola orde de Medio Rural consisten en «rozar a feito extensas superficies de monte arbustivo composto por matogueiras de alto valor ecolóxico, como é o caso das veigas de Golpellás en Calvos de Randín, protexidas pola Rede Natura 2000.

As abellas do mel, grandes afectadas

As primeiras queixas chegaron por boca das apicultoras da zona, «indignadas» pola desaparición progresiva de matogueiras esenciais para a produción de mel e a supervivencia das abellas melíferas.

As rozas indiscriminadas son perniciosas para a actividade dos abelleiros; son máis prexudiciais que os propios incendios.

Segundo Xesús Asorei, presidente da Asociación Galega de Apicultura, esta superficie natural é o hábitat de numerosas especies de aves, réptiles, mamíferos e sobre todo de insectos» entre os que destaca a abella do mel.

«Os abelleiros da zona insisten en que estas rozas indiscriminadas son perniciosas para o contorno e para a súa actividade; e aínda máis, algúns incluso din que son máis prexudiciais que os propios incendios xa que ao desbravar as matogueiras queda un manto tupido sobre o solo que dificulta aínda máis que a vexetación volva brotar».

As apicultoras da Galiza aseguran que estas intervencións son un auténtico disparate» e reforzan a posición dos ecoloxistas da Limia, que as cualifican de «absurdas» porque «non evitan os lumes, só evitan que ardan as propias matogueiras». Segundo Manuel García, as cortas descontroladas agravan o problema.

«As empresas non distinguen as matogueiras ericáceas das degradadas, acaban con todo, e non se dan conta de que cando se desfán das máis ricas, o único que conseguen é que non volvan medrar todas as especies. Rebrotará unha soa, e converterase nunha xesteira».

O valor das matogueiras

As matogueiras reteñen e infiltran a auga da choiva, contribuíndo á recarga dos mananciais e dos acuíferos que abastecen de auga potábel as poboacións humanas.

O MEL destaca o valor paisaxístico e hidrolóxico das matogueiras, a súa biodiversidade e a súa contribución á fixación do nitróxeno e do carbono atmosférico. «Son un recurso á hora de formular calquera aproveitamento agrícola, silvícola ou pastoral do monte galego», afirma Manuel García, quen fai fincapé na súa capacidade para «reter e infiltrar a auga da choiva, contribuíndo á recarga dos mananciais e dos acuíferos que abastecen de auga potábel as poboacións humanas».

A denuncia do colectivo ecoloxista busca chamar a atención sobre a perda irreparábel das matogueiras propias da Limia, ecosistemas propios «en perigo de extinción por mor dos procesos erosivos causados polos incendios, polos vertidos de xurros da industria porcina e o aumento da superficie de monocultivos de piñeiros».

Maior control por parte da Administración

O Movemento Ecoloxista da Limia mantén que as rozas que levan a cabo as empresas forestais non son «técnica, económica nin ambientalmente aceptábeis». Poñen o foco nesas firmas privadas que «actúan como auténticos comerciais ante as xuntas veciñais para convencelas de que lles cedan cantas máis hectáreas mellor».

IMG_20191122_131941927Denuncia que non lles importa máis que a extensión de monte dispoñíbel para roza e a contía económica das axudas que concede a Administración, «450 euros por hectárea desmontada, cando o prezo de mercado rolda os 200 euros», aclara Manuel García.

O MEL prepara un informe que pretende levar á Comisión de Medio Ambiente da Unión Europea para «impida que se sigan pagando cos seus fondos a esquilma de ecosistemas naturais valiosísimos para o monte galego», di García, que reclama maior interese e vixilancia por Administración galega para acabar con estas rozas masivas e descontroladas, xa que «non existe unha escolla técnica nin estratéxica por parte da Xunta para levar a cabo estes traballos».

Non existe unha escolla técnica nin estratéxica por parte da Xunta para levar a cabo estes traballos.

En declaracións a Sermos Galiza, a Consellaría de Medio Rural mantén que «todas as actuacións fanse de acordo coa normativa e contando cos informes ambientais correspondentes. A orde de axudas contempla rozas e descontinuidades en grandes masas como medida de prevención contra os incendios forestais». E sinala que «coa roza das matogueiras non desaparece este combustible natural, xa que por el só volve rebrotar».

Propostas de cambio

Desde a comarca da Limia propoñen reorientar as axudas e as accións públicas de loita contra os incendios forestais. «Tería sentido facer rozas específicas nos contornos das aldeas, limpar e recuperar os antigos camiños que cruzaban os montes, actuar contra o abandono das terras agrarias, recuperando prazas de labradío, soutos e zonas de prados».

A súa aposta, di Manuel García, pasa por fomentar a gandaría extensiva , por recuperar a figura do pastor, e en xeral por «investir en actuación que creen riqueza e non que a destrúan».

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/movemento-ecoloxista-limia-denuncia-rozas-masivas-matogueiras-montes-ourensans/20191128140423087520.html


© 2020 Nós Diario