Opinión

Mortes anunciadas

[María Obelleiro]

L amentabelmente non nos referimos neste editorial á historia de Santiago Nasar, protagonista do célebre libro de Gabriel García Márquez do que tomamos o título, senón ás persoas que faleceron nas últimas semanas coa Covid-19 e as que perderán a vida nas próximas á vista da alta cifra de contaxios día tras día. Persoal sanitario levaba semanas lanzando SOS desesperados ao entender que poderían evitarse mortes, mais até hoxe non se adoptaron restricións severas. Anunciárase para a pasada sexta feira unha reunión do subcomité clínico, mais semella que todo ía como a seda para pospoñela a onte.

Máis unha vez, o presidente da Xunta deu conta das novas medidas sen achegar solución ningunha aos sectores máis afectados polas restricións. Resulta incomprensíbel que Feixoo non informase de liñas económicas para axudar os que máis sofren, que levan meses sen levantaren cabeza, recibindo pau tras pau. Os recursos son finitos, sabémolo, mais haberá que pór cara a adiante na lista de prioridades o reforzamento da sanidade pública e o rescate aos sectores máis prexudicados. É de xustiza.

Comentarios