Morre unha percebeira en Oia após agardar 40 minutos polo helicóptero de Salvamento

A Xunta procedeu en 2011 á venda de dous helicópteros de propiedade pública coas forzas da oposición en contra. Alertaron daquela BNG e PSOE de que este servizo pasaría a unha situación de monopolio, pois a empresa Inaer, operaria dos helicópteros, é a única de Europa que posúe aeronaves adaptadas para a búsqueda e o rescate


A percebeira M.M.V.M. morreu esta cuarta feira após ser arrastrada ao mar por unha onda entrementres faenaba nunha zona de rochas limítrofe entre Baiona e Santa María de Oia. Após sufrir o accidente laboral, a traballadora ficou 40 minutos á espera de que chegara o helicóptero de Salvamento Marítimo.

Así o sinalaron testemuñas presenciais citadas pola axencia de noticias Efe, que relataron como un home intentou achegar a muller até as rochas valéndose da raspa que ela propia portaba, mais a forte oleaxe impediu que puidese rescatala. Outra traballadora que faenaba canda ela deulle folgos durante o tempo que agardou polo Pesca 1.

O PP levou o Salvamento Marítimo ao monopolio
A Xunta de Galiza procedeu en xuño de 2011 á venda dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, de propiedade pública, suscitando un intenso debate da comisión de Pesca en que BNG e PSOE, as dúas forzas que daquela tiñan representación parlamentar canda o PP, se opuxeron frontalmente contra a reformulación do contrato coa empresa Inaer, operaria dos helicópteros, para vender por 13 millóns dúas aeronaves que cando foran mercadas, en 2005, custaran 27 millóns.

Para alén de lle reprochar que presentara como un aforro unha operación en que polo menos debera recuperarse un 12% máis do invertido, a oposición alertaba de que tan pronto como Inaer acabe de pagar os helicópteros poderá impor os prezos que considere, pois non existe outra empresa en toda Europa con aeronaves adaptadas para búsqueda e rescate.

Comentarios