Morre o poeta estadounidense John Ashbery

John Ashbery morreu onte en Rochester (Nova York), onde nacera hai 90 anos, por causas naturais. O máis importante, e probabelmente o máis influínte, dos poetas estadounidenses aínda activos iniciara a súa traxectoria co libro Algunhas árbores (Some trees, 1956).

1024px-Paul_Auster_John_Ashbery_BBF_2010_Shankbone
photo_camera John Ashbery (á dereita) e o novelista Paul Auster en 2010. Foto: wikipedia

Entre as súas obras principais salientan O xuramento da pista de tenis (The Tennis Court Oath, 1962), o Autorretrato en espello convexo (Self-Portrait in a Convex Mirror, 1975) -para boa parte da crítica a súa obra mestra-, Galeóns de abril (April Galleons, 1987) ou Por onde hei andar (Where Shall I Wonder, 2005). O seu nome figuraba desde hai anos e de xeito recorrente como candidato ao premio Nobel de literatura.

Para Ashbery, a poesía é capaz de abranxelo todo. Materiais lingüísticos de derrubo, frases feitas, retrousos da música popular, intertextualidades cultas ou un diálogo demorado con outras artes, especialmente coa pintura, conforman textos complexos, atravesados de contradicións, en que palabras de orixes diversas conviven en igualdade. A súa obra proteica e abondosa tiña a envergadura da dun Walt Whitman da modernidade. Ou da posmodernidade, segundo algúns.

A revista A Trabe de Ouro, dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín, publicou en 1993 a tradución galega do seu longo poema Unha onda (A wave, 1984), en versión de Xaquín Vélez e Manuel Outeiriño. O seu traballo é arestora apreciado polas novas poetas galegas. Alba Cid (Ourense, 1989) empregou un verso de Ashbery -"esta foi a nosa ambición: sermos pequenos e claros e libres"- para introducir en sociedade Os fillos da fame (Xerais, 2016), o exitoso debut de Ismael Ramos (Noia, 1994).

Comentarios