Morre o pintor naíf Mario Rodríguez 'O Ñato'

Obsesionado por Van Gogh e republicano irredutíbel, o pintor Mario Rodríguez Gómez morreu a pasada semana na súa casa obradoiro de San Campio de Lonxe, en Tomiño. Contaba 86 anos e só había tres meses que o concello recoñecera a súa achega á cultura galega cunha homenaxe durante as festas do Alivio.
 

Mario Rodríguez
photo_camera Mario Rodríguez sostendo a bandeiera republicana nunha homenaxe que lle tributaron o pasado abril en Goián

Mais a vida do Ñato, alcume co que o coñecían amigas e veciños, estaba marcada polo golpe fascista de 1936 e a Guerra Civil. Nado en 1931 noutra parroquia tomiñense, Figueiró, lembraba con precisión as visitas ao seu pai, o líder agrarista Francisco Rodríguez Otero preso en Tui despois do alzamento e fusilado nos primeiros meses do conflito. A súa nai, Isaura Gómez, activista e escritora demócrata, tamén padeceu a represión.

En canto o seu uso da razón llo permitiu, Rodríguez Gómez escapou da Galiza asolada por Atila. Con destino Buenos Aires, alí coñeceu artistas e intelectuais exiliados. Mesmo, relataba recentemente a Faro de Vigo, tratara co último Castelao, a quen chegou a ver no leito de morte. Na súa intensa vida, tamén residiu en Londres.

Talvez como antídoto contra a violencia do século, a súa pintura baseábase na inxenuidade. As paisaxes da aldea natal, unha querenza pouco disimulada polos mestres impresionistas e a inocencia poética da ollada situárono entre os principais pinceis europeos das correntes naíf. Museos, galerías e coleccións particulares de varios continentes abeiran os seus óleos, en que abundan tamén bodegóns -expresión do mundo cotián- e autorretratos de certa introspección.

Ao seu regreso a Galiza, O Ñato concentrouse na súa obra. O escritor Eliseo Alonso ou pintores como Xavier Pousa, Laxeiro ou o surrealista Mario Granell fixeron parte dos seus íntimos. No lenzo retratou un país humilde, campesiño, de horizonte físico labrado polo ser humano e coa cor como celebración da existencia. Había un algo de franciscano no seu trazo.

O particular ecosistema artístico do Baixo Miño, ese que ten epicentro en Goián, ha botar en falta o seu humor impenitente, a súa disposición a reivindicar a memoria histórica dos oprimidos e a súa colaboración desinteresada nas causas xustas, adoito coa cesión de traballos. A determinación republicana, que el asociaba á liberdade e á vida sen ataduras, aínda lle fora recoñecida o pasado 14 de abril pola sociedade gastronómica e cultural O Copo Sen Fundo nun emotivo xantar de homenaxe.

Comentarios