Morre o histórico sindicalista Xosé Luís Muruzábal

No concello de Cambre, onde residía e exercía de avogado desde hai máis de vinte anos, finou na xornada de onte o histórico dirixente sindicalista Xosé Luís Muruzábal, un dos dirixentes obreiros máis coñecidos e recoñecidos da Galiza da década do setenta e primeiros oitenta. 

Muruzábal
photo_camera Muruzábal

Muruzábal, Muru, como era coñecido no mundo do traballo, trasladouse a Galiza a comezos da década dos setenta, participando dalgunha das loitas obreiras máis importantes que se deron no noso país, como as reivindicacións que se desenvolveron de xeito paralelo á construción da central das Pontes, e que rematou co peche na cheminea das instalacións do propio Muruzábal. Tamén estivo no primeiro plano sindical na folga da construción que en 1967 mobilizaría ás provincias de Lugo e A Coruña con especial incidencia nas contratas da factoría de aluminio de San Cibrao ou a folga do transporte na cidade da Coruña. 

Muruzábal foi un dos protagonistas no proceso de conformación e unificación do sindicalismo nacionalista, onde chegaría despois dunha destacada militancia na CSPU, organización sindical vinculada ao Partido do Traballo, partido de inspiración maoísta no que xogou un destacado papel como dirixente. Nos últimos anos, apartado da primeira liña de actividade sindical, desenvolveu un relevante traballo social en Cambre, na súa condición de presidente da Asociación Galega Pro Enfermos Mentais. En Cambre residía e exercía a avogacía desde hai máis de vinte anos. 

Comentarios