Morre Luís González 'Ferreiro', histórico militante comunista

Vén de falecer o histórico comunista galego Luís González López, ‘Ferreiro’, veciño de Vigo e responsábel do aparato de propaganda do Partido Comunista de Galicia (PCG) durante a ditadura. Ferreiro sufriu tortura e foi apresado polo franquismo. 
 
Ferreiro 'Ferreiro'
photo_camera Luís González López, 'Ferreiro' (Foto: Roi Cagiao)

Mensaxes de recordo enchen as redes sociais este sábado, 9 de xaneiro, ao coñecerse o falecemento do histórico comunista Luís González López, ‘Ferreiro’. Este veciño de Vigo foi responsábel do aparato de propaganda do Partido Comunista de Galicia (PCG) durante a ditadura, sufriu tortura e foi apresado polo franquismo. 

Nado en Vila de Cruces en 1939, no seo dunha familia labrega e sétimo fillo de oito irmás, traballou de novo como canteiro na zona dos Ancares e A Fonsagrada e logo, desde Cambre, aos 17 anos, emigrou a Francia, para traballar nunha mina de talco nos Pirineos. 

Alí coñeceu outros emigrantes galegos e entrou en contacto con persoas exiliadas da ditadura franquista, estabelecendo vínculos co PCE no exilio. Nesas coñeceu Pilar, a súa muller, e ambos acabarían militando no PCE, como sinala a Nós Diario Roi Cagiao, director do documentario sobre a vida deste histórico comunista, titulado O meu nome é Luís Ferreiro.

O director sinala que no ano 1967 Ferreiro se trasladou coa súa esposa a Vigo co obxectivo de crearen células do partido, deixando a filla de ambos en Francia, cos avós. Na cidade olívica contactan con Carlos Núñez, un dos encargados da organización do partido. ‘Ferreiro’ é o nome que Luís adopta para poder levar a cabo actividade política na clandestinidade. Pilar, pola súa banda, entra na empresa Álvarez e leva a cabo actividade sindical.

Foi membro do primeiro comité central do PCG, elixido en París en 1968.

Conta Roi Cagiao a Nós Diario que o comunista foi capturado na Coruña por mercar tubos de tinta para realizar propaganda política. A primeira vez que foi á tenda explicou que acudía de parte dun colexio, mais os da tenda comprobaron que tal escola non existía e a seguinte que vez que foi pola tinta resultou detido. O seu irmán tamén foi capturado. 

Ferreiro na pantalla

O meu nome é Luís Ferreiro é unha obra audiovisual dos directores vigueses Roi Cagiao e Fernando Llor que, estreada en 2010, narra a través da figura de Luís González López a historia do Partido Comunista de Galicia na clandestinidade. 

Comentarios