Morre Ettore Scola, mestre do cinema

Homenaxeado hai menos de tres meses na festa do cinema de Roma coa proxección do filme A Terraza, unha sorte de testamento da intelectualidade de esquerdas, Scola morreu onte en Roma aos 84 anos.

Sempre disposto a analizar en profundidade os temas máis difíceis e a describir as mudanzas sociais coa lixeireza dos grandes contadores, deixa filmes como Unha xornada particular, Feos, Porcos e Maos, Tan amigos que nós eramos ou A Familia. Scola nacera en Trevico, no Avellino, en maio de 1931. É considerado un dos últimos grandes mestres do cinema italiano, asinando obras en que participaron actores como Marcello Mastroianni, Sophia Loren, Vittorio Gassman ou Nino Manfredi.

En 2011 anunciou o fin da súa carreira, despois de máis de 50 anos, por considerar que no panorama actual do cinema xa non tiña “liberdade” para filmar, por ser o mercado quen toma as decisións. “Iso xa acontecía antes, mais había espazo para a liberdade e para a diferenza, e os produtores estaban máis dispostos a arriscar e a probar”, dicía nunha entrevista ao xornal Il Tempo.

A pesar de todo, admitiu unha excepción: a de facer un filme sobre o seu grande amigo Federico Fellini que escribiu en colaboración coa súa filla Paola: Que Estraño Chamarse Federico.

Comentarios