Morre o dirixente socialista galego Miguel Cortizo

Foino case todo no PSdeG. Quince anos deputado no Hórreo, catro no Congreso, portavoz parlamentario dos socialistas galegos, durante uns meses delegado do Goberno en Galiza. Miguel Cortizo morreu esta terza feira aos 67 anos de idade.
 

miguel cortizo
photo_camera O socialista galego Miguel Cortizo, nunha imaxe de 2011. Foto: Ministerio de Política Territorial.

Cortizo nacera en Santiago de Compostela en 1951. Licenciado en Bioloxía, na facultade compostelá da materia exerceu de profesor. En 1990, as eleccións que Fraga Iribarne gañou por maioría absoluta e que supuxeron, a un tempo, o final do tripartito e o teito en escanos do PSdeG, entrou no Parlamento de Galiza.

Alí traballou durante case tres lustros. Entre 1993 e 1998 foi o portavoz socialista. Enfronte, Fraga Iribarne, e no BNG, Xosé Manuel Beiras. Mais no 98, perdeu o congreso do PSdeG que escolleu líder Emilio Pérez Touriño. Coa chegada de Zapatero ao Executivo central, a súa traxectoria deu unha nova reviravolta. Entre 2004 e 2007 foi embaixador da Misión Especial para as Relacións Especiais coas Comunidades Españolas en Iberoamérica. Despois, embaixador en Paraguai e, uns meses, delegado do Goberno en Galiza.

A súa viaxe política rematou no Congreso, onde ocupou escano pola Coruña entre 2011 e 2015. Daquela retirouse.

Comentarios