Morre a cantora brasileira Miúcha, voz en discos de Jobim ou João Gilberto

Tardou en entrar nos estudios como cantora, mais cando o fixo rodeouse dos titáns da música brasileira. Con Vinicius de Moraes, con Tom Jobim, con Toquinho ou con João Gilberto, Miúcha intepretou as composicións maiores da bossa nova. Ao seu nome graveu 14 discos. Morreu a pasada semana no Rio de Janeiro.
 

miúcha
photo_camera A cantora brasielira Miúcha, nun concerto en São Paulo en 2011. Foto: Wikipedia.

Os apelidos de Miúcha conéctana directamente con outra presenza chave da música popular brasileira: Heloísa Maria Buarque de Hollanda. O seu irmán Chico escribiu algunha célebre canción a pensar nela, por caso Maninha. E a súa filla, Bebel Gilberto -nada do seu matrimonio con João Gilberto-, é hoxe unha voz de alcance internacional no mundo da bossa.

“Ao longo dos anos, Miúcha teve sempre presença luminosa em minha vida”, escribiu na súa conta de Instagram Caetano Veloso, “tanto como artista quanto como persoa. Era todo música, na intimidade ou no palco do Canecão”. Ou nos seus discos principais.

Nacera no Rio en novembro de 1937. Porén, non gravou a súa voz ate 1975. Foi nun daqueles elepés de internacionalización da bossa nova que facturaron João Gilberto e o saxofonista jazz estadounidense Stan Getz. En concreto, en The best of two worlds (1976). A Tom Jobim acompañaríao no delicado Urubu (1976), en que o compositor se afastaba dos sons máis recoñecíbeis e iniciaba exploracións case ambient, impresionistas, sen medo a certa disonancia.

Miúcha e Antônio Carlos Jobim (1977) é considerado o seu primeiro traballo en solitario, ao que seguirían outros como Tom/Vinicius/Toquinho/Miúcha (1977), Vivendo Vinicius ao vivo Baden Powell, Carlos Lyra, Miúcha e Toquinho (1999) ou Rosa amarela (1999).

“A minha historia está ligada e interliga historias de moitos amigos de traballo. É bo sentor e saber que fixen iso”, decalaraba nunha entrevista en 2016. Un cancro de pulmón acabou coa súa vida.

Comentarios