Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega

Lila era a súa cor e lila eran tamén as dúas novelas que, en poucos anos, a situaron nun lugar privilexiado da literatura galega. A escritora e xornalista Begoña Caamaño morreu esta segunda feira en Compostela. O acto de despedida será esta terza feira ás 15 horas en Boisaca. 

Begoña Caamaño
photo_camera Begoña Caamaño

Con dúas novelas Circe o pracer do azul e Morgana en Esmelle, a xornalista Begoña Caamaño deuse a coñecer como escritora e conseguiu en só tres anos unha linguaxe propia que a situou entre os principais nomes da literatura dos nosos días. Confesábase herdeira das mulleres contadoras de historias, das avoas que non eran quen de poñelas por escrito, o que ela facía maxistralmente, conseguindo o aplauso de lectoras e lectores e da crítica que, en pouco tempo, lle otorgou premios como o Ánxel Casal, o premio da AELG, o Losada Diéguez ou o da Crítica da narrativa galega. 

Begoña Caamaño faleceu esta segunda feira no Hospital Clínico de Compostela após loitar durante tres anos contra o cancro.

Feminista, como ela se presentaba, non dubidaba en imprimirlle tamén a cor lila á súa obra

Feminista, como ela se presentaba, non dubidaba en imprimirlle tamén a cor lila á súa obra e defendía a súa proposta literaria con entusiasmo. "Antipatriarcal e feminista", dicía cando lle preguntaban polas súas novelas. "Quero ser honesta co meu público. Isto é o que hai. A miña maneira de ver o mundo é a dunha persoa galega e feminista. Non podería ser outra. Tentalo sería unha farsa. Non só non me asusta que me etiquete senón que xa o anuncio para que quen se achegue á miña obra saiba con que se vai atopar", dicía nunha entrevista con Sermos Galiza o pasado ano, cando gozaba co grande suceso da súa segunda novela, Morgana en Esmelle. 

A xornalista dos mitos

"Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder"

De profesión xornalista, Begoña Caamaño traballaba na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo -a cidade na que naceu hai cincuenta anos- e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural da súa amiga e tamén escritora Ana Romaní. 

No ámbito literario presentouse "de maneira serodia", como ela dicía, máis con intensidade e cunha voz propia que a levaba a revisitar en clave feminista e contemporánea os mitos clásicos. Fuxía da actualidade, comentaba, aquela que a desesperaba na súa faceta de xornalista. "Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder. Trátase de reivindicar a responsabilidade. Eu non vivo soa no mundo, o que fago, desde o propio consumo cotiá, ten consecuencias, tamén para outras persoas e diso teño que ser consciente", comentaba. 

"Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@", defendía Begoña Caamaño, da súa maneira activista de situarse no mundo. 

O principal trazo do seu carácter era a alegría. A súa cor, o lila. Quería ser unha boa persoa e vivir nunha Galiza liberada. Na poesía, gostaba de Ana Romaní e na música de Uxía, dúas grandes amigas. Odiaba o fascismo e a intolerancia e agardaba morrer durmindo, sen dor. As respostas de Begoña Caamaño ao Cuestionario Proust que lle propuxo o crítico Ramón Nicolás axudan agora a trazar o perfil da súa personalidade. Das súas amizades agardaba que a quixeran tanto como ela as quería e o lema da súa vida era "canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu". As amizades ás que tanto quería e as que buscaba facer felices senten agora a morte da escritora para a que a alegría era o seu estado de ánimo máis habitual. 

Comentarios