Morre Baldomero Cores Trasmonte, escritor e primeiro letrado do Parlamento

Avogado, xornalista, sociólogo, analista político ou profesor mais a Baldomero Cores Trasmonte como lle gustaba definirse era na súa calidade de escritor. Neste 24 de decembro morre o profesor Cores Trasmonte e deixa máis de vinte títulos asinados co seu nome. 

Baldomero Cores Trasmonte
photo_camera Baldomero Cores Trasmonte

De ter que se definir, Baldomero Cores Trasmonte faríao como escritor. Co seu xesto serio mais un singular enxeño, debullaba nunha entrevista recollida na páxina da Universidade de Santiago, na que impartiu aulas, cada unha das súas facetas a través dese artiluxio que é o semáforo ao que lle rende homenaxe. “Si tivera ocasión faríalle un monumento ó semáforo, polo que  tanto loitei para que se implantase en Santiago. O contento que ten a xente cando aparece o boneco verde, sobre todo en días estremos de sol, de vento ou de choiva é marabilloso. Coido que debeu ser diante dun semáforo, tenso e a espera de que aparecera o boneco verde, cando argallei que era sociólogo por sensibilidade social, comunicólogo por ese misterio da relación espiritual, avogado por profunda vocación solidaria e político no senso máis vivo e puro da palabra, porque coido que a res pública necesita e necesitou sempre do meu esforzo, como do esforzo de todos e de cada un de nós..”, explicaba entón Baldomero Cores Trasmonte, o home que naceu en Cee en 1929 e se había de converter no primeiro letrado do Parlamento de Galicia e da súa man viría tamén un intenso traballo na elaboración da lexislación galega. 

Con só dez anos, Cores Trasmonte trasladaríase a Compostela, cidade na que realizaría os seus estudos de Dereito, antes de marchar a Madrid, onde estudaría Políticas e sería profesor da Complutense. Catedrático de Socioloxía conseguiría ser na Universidade de Porto Rico, país no que viviu máis de quince anos. 

A ampla e "biodiversa" obra

O seu primeiro libro na nosa lingua dátase en 1961 O corroncho de David. Desde entón, a súa bibliografía iría sumando títulos, en especial, de teoría e análise política, de dereito ou de memoria. Algúns personaxes históricos do ámbito político e teórico recibiron a visita de Baldomero Cores Trasmonte que se achegou nos seus estudos a Ramón de la Sagra, Alexandre Bóveda, Enrique Rajoy Loloup, Luís Porteiro Garea, Ramón Suárez Picallo ou Alfredo Vicenti. O seu singular perfil deu tamén títulos como Unha viaxe pola rúa do Vilar co que, hai dez anos, visitaba o pasado dese espazo emblemático da historia de Compostela. 

Estatuto de Galicia: actas y documentos e Sociología política de Galicia, en 1976, La devolución de Galicia: el Estatuto de ayer y hoy, 1977, O libro negro da Galicia electoral de 1978, La sociedad incompleta: el drama de la capitalidad en Galicia, 1981,  A constitución da galeguidade, de 1995 ou Os senadores da Universidade de Santiago, en 1998 son outros dos títulos da ampla obra de Cores Trasmonte que poñen á vista a súa traxectoria e os seus intereses no estudo da Galiza de lei e realidade. “Son un produto intensivo da biodiversidade informacional, si se pode falar así”, confesou nunha ocasión e a súa obra dá conta desa outra condición que o definía. 

Comentarios