Monedero cre que a integración de Podemos nunha Marea para as galegas é un tema a discutir

O ideólogo de Podemos sitúase nunha terceira vía entre Breogán Riobóo e Pablo Iglesias a respeito de se a formación morada debe engrosar ou non as filas dunha hipotética Marea para as eleccións galegas.

monedero
photo_camera Juan Carlos Monedero

A posición oficial do secretario xeral de Podemos na Galiza, Breogán Riobóo, é a de que a integración nunha plataforma estilo En Marea para as eleccións ao Parlamento galego é só unha opción entre outras. Esta posición foi abertamente contestada desde Madrid polo secretario xeral estatal, Pablo Iglesias, quen claramente aposta na continuidade da experiencia de En Marea con Podemos dentro.

Pois ben, esta cuarta feira Juan Carlos Monedero, de visita na Galiza, situouse nun ambiguo termo meio entre Riobóo e Iglesias.

Inquerido por Radio Coruña-SER sobre se a súa organización debería repetir a fórmula de En Marea, Monedero afirmou literalmente: "Eu creo que temos que discutilo. A política non hai que entendela, como unha foto fixa, senón como unha película". O ex secretario de Proceso Constituínte e Programas de Podemos reflicte sobre a que no seu xuízo é unha tarefa política pendente. Máis que da súa formación política, do conxunto de formacións políticas vinculadas a ela, a comezar por En Marea. "Fixemos unha cousa tamén novidosa, non?, que é construír novas formacións políticas", afirmou, e a seguir apostilou: "E eu creo que hai unha cousa que temos que discutir: cal é a relación entre os ámbitos locais, os ámbitos municipais, os rexionais, e tamén a construción do conxunto".

O partido de Colau

Monedero, situado na ala esquerda de Podemos, fai estas declaracións após se coñecer que Ada Colau ten formulado o propósito de tornar En Comú Podem -actualmente unha coligazón entre Barcelona en Comú, Podem, ICV e Esquerra Unida i Alternativa- nun partido político, o que deita dúbidas sobre a estrutura territorial que irá ter Podemos no conxunto do Estado.

Comentarios