Moncloa presionou a Bloomberg TV para que censurase as perguntas a Rajoy sobre Bárcenas

O presidente do Goberno español non agardaba que a canle de televisión internacional especializada en Economía lle inquirise sobre o financiamento irregular do PP.

Rajoy
photo_camera Rajoy, nun acto do PP

Segundo informa a SER, a Moncloa presionou á canle televisiva Bloomberg para que non emitise os fragmentos da entrevista en que, acurralado, Rajoy se viu obrigado a contestar perguntas sobre Bárcenas, algo que ostensíbelmente desgosta ao presidente español.

Interpelado directamente sobre se demitiría na hipótese de que se probase o financiamento irregular do seu partido, Rajoy contestou: "Hai cousas que non se poden demostrar. Portanto, non ten sentido o que se pode ou se debe facer se se demostrasen. Simplesmente, non se poden demostrar. Non houbo financiamento ilegal".

Rajoy emprega tres veces o verbo demostrar. "Hai cousas que non se poden demostrar", di sobre Bárcenas. Talvez aquí falaba o seu inconsciente

Nesta resposta Rajoy emprega tres veces o verbo demostrar. Talvez aquí falaba o seu inconsciente. Tal vez esa insistencia revela que o presidente do Goberno confía en que o asunto Bárcenas acabará sendo arquivado por algún defecto de forma na instrución xudicial, como xa acontecera no seu día co caso Naseiro (o escándalo precedente arredor das finanzas do PP).

Se se analisa ben a resposta a Bloomberg, Rajoy non pon o acento na inexistencia do financiamento ilegal (é a cuarta frase que pronuncia nesa resposta), senón en que ese financiamento ilegal non se pode demostrar.

Fontes da Moncloa dixeron á SER que non tiñan nada que comentar cando foron inquiridas a respeito de se presionaron ou non a Bloomberg para que censurase a conversa con Rajoy.

A entrevista foi emitida integramente.

Comentarios