A Moncloa exerce presión, ou hai estado de alarma ou será o caos

O Executivo español pide apoio á oposición
O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma.
photo_camera O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma (Imaxe: Pool)

Xa avanzara a mañá da segunda feira, 4 de maio, cando o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, descolgou o teléfono para chamar o líder da oposición e xefe de filas do Partido Popular, Pablo Casado.

O obxectivo da conversa era informalo de que na cuarta feira vai solicitar no Congreso unha nova prórroga do estado de alarma para os vindeiros 15 días. Casado respondeu a Sánchez que o seu partido non apoiará ningunha prórroga máis da alarma, e o presidente do Goberno advertiuno de que non facelo provocará o "caos" sanitario e económico no Estado. Así resumiu o ministro José Luis Ábalos a conversa de máis dunha hora mantida entre Sánchez e Casado.  

Ábalos, que asegurou que non quería ser "alarmista", dixo que sen a declaración de excepcionalidade que implica a alarma "toda a actividade deberá recuperarse: traballos e estudos", dixo, "e córrese o risco" de que se produza un rebrote de  contaxios. "É condenarnos a un caos do que algúns terán que ser responsábeis", engadiu. 

Fronte á solicitude do PP de desvincular o estado de alarma das medidas sociais como o pago da prestación ás persoas afectadas polos expedientes de regularización temporal de emprego (ERTE) e a liquidez a pemes e autónomas, Ábalos xustificou a conexión destas medidas coa alarma sinalando que o marco de protección xurídica está fundamentada na causa de forza maior que obriga certos sectores a parar ou limitar a súa actividade.

Segundo Ábalos, Casado non expuxo un plan alternativo ao estado de alarma que conte "coa suficiente forza como para cuestionar un dereito tan básico como a libre circulación" de persoas. 

A formación de Santiago Abascal, Vox, votou sempre contra o decreto de alarma e Ábalos acusou Pablo Casado de situarse coa ultradereita. 

A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, dixo que "sempre pensa no interese xeral dos españois" e que non vai pór "en perigo" as e os cidadáns "quitándolles a protección xurídica, social e sanitaria ou a coordinación para evitar o caos". Con todo,  comunicou que o seu partido ten xa un plan elaborado que permitiría manter as medidas vixentes sen necesidade de prorrogar a alarma".

Soberanistas piden diálogo e corrixir erros

O BNG non se opón a unha prórroga da alarma, sinalou a súa portavoz, Ana Pontón. Porén, si exixen ao Goberno do Estado que "corrixa os seu erros" na utilización desa medida excepcional. “Estamos tendo unha reflexión, non nos opoñemos a que se prorrogue pero tamén pensamos que o Goberno estatal debe rectificar os erros nos que está incorrendo na utilización deste instrumento cunha política de centralización que non permite o diálogo nin o acordo".

Nese sentido Pontón instou o Goberno a "dialogar co resto de forzas políticas”.


EH Bildu criticou tamén o desconfinamento "por provincias" e o mando único español, mais anunciou que se absterá no Congreso para non obstaculizar a aprobación do estado de alarma e a loita contra a pandemia.

O PNV votou a favor na última prórroga mais o lehendakari Iñigo Urkullu xa pediu que se levantase a alarma e pór fin ao centralismo.

ERC abstivérase e Junts estivera en contra na última votación. Ambas as dúas forzas piden que a Generalitat sexa a autoridade competente na desescalada e ven errado o mando único.

Fica pois a nova prórroga pendente de que Moncloa convenza a dereita española ou ben dialogue coas soberanistas, aínda que a executiva de Esquerra xa decidiu na tarde da segunda feira, 4 de maio, votar 'non'.

Comentarios