Moncloa confirma que Yolanda Díaz será ministra de Traballo

A deputada de Galicia en Común no Congreso Yolanda Díaz (Europa Press)
photo_camera A deputada de Galicia en Común no Congreso Yolanda Díaz (Europa Press)

A deputada de Galicia en Común por Pontevedra, Yolanda Díaz, será ministra de Traballo do Executivo de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, segundo confirmou esta quinta feira o Goberno, que ratificou os nomeamentos do resto dos ministros desta formación, que coinciden cos nomes que, de maneira extraoficial, se difundiron nos últimos días.

Así, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, será vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030; Irene Montero, ministra de Igualdade; Alberto Garzón, ministro de Consumo; Yolanda Díaz, de Traballo; e Manuel Castells, de Universidades, confirmaron fontes de Moncloa.

A nova ministra de Traballo, nada na localidade coruñesa de Fene en 1971, é licenciada en Dereito e ten un mestrado en Recursos Humanos, outro en Relacións Laborais e outro en Urbanismo. Militante de Esqueda Unida e do PCE, Díaz foi deputada no Parlamento galego e concelleira de Ferrol entre os anos 2003 e 2011.

Trátase da primeira confirmación oficial da estrutura do novo Executivo, cuxa composición total se comprometeu a anunciar o presidente, Pedro Sánchez, a semana próxima, para que ese mesmo venres ou mesmo antes poida ter lugar o primeiro Consello de Ministros do novo gabinete.

Comentarios