A Moncloa abre a posibilidade da mobilidade interprovincial

O ministro de Transportes do Goberno estatal, José Luis Ábalos, abriu a porta a que a partir do 7 de xuño haxa liberdade de movemento entre provincias e mesmo entre comunidades que estean na fase 3. De isto aprobarse, xa non habería que agardar á fin do estado de alarma para desprazarse no territorio galego.
A pesar de a Galiza estar na mesma fase, fica aínda prohibido ir dunha provincia a outra (Imaxe: Arxina)
photo_camera A pesar de a Galiza estar na mesma fase, fica aínda prohibido ir dunha provincia a outra (Imaxe: Arxina)

Coa sexta prórroga do estado de alarma, que se votará na cuarta feira, 3 de xuño, no pleno do Congreso dos Deputados, poderíase permitir que, a partir do vindeiro 7 de xuño, as provincias e comunidades autónomas que estiveren na fase 3 do desconfinamento poidan abrir a mobilidade entre elas, segundo avanzou o ministro de Transportes e Anxenda Urbana do Goberno español, José Luis Ábalos.

Nunha entrevista televisada, o ministro explicou que esa medida podería ser posíbel coa última prórroga da alarma "naqueles territorios que estean na última fase, se así o deciden e se a evolución da epidemia o permite". Ademais Ábalos precisou que o nivel de mobilidade podería restabelecerse "ben dentro dunha Comunidade Autónoma ou mesmo entre comunidades que estean nunha mesma fase".

A nova prórroga da alarma, que sería a definitiva segundo os plans do presidente Pedro Sánchez, devolverá as ompetencias recentralizadas ás autonomías, excepto a mobilidade, que seguirá a ser xestionada desde Madrid.

A posibilidade deixada no ar por Ábalos sobre a abertura do desprazamento entre provincias e comunidades a partir do mesmo día ten pouco de gradual. Así, poderiamos estar ante o caso de que unha persoa da Coruña poida ir desde o 7 de xuño tanto a Lugo como a Melilla.

A mobilidade interprovincial dentro da Galiza estivo no debate nas últimas semanas, co arranque do desconfinamento. A Xunta da Galiza demandou que, estando todo o territorio galego na mesma fase, se permitise o movemento de persoas alén dos lindes provinciais. O Bloque Nacionalista Galego foi crítico con que desde Madrid se tomase para o desconfinamento como unidade territorial as delimitacións provinciais, por non responderen á realidade social. Nese sentido, o Bloque negociou co Executivo estatal o 'si' á prórroga da alarma a cambio de obter o movemento para as galegas e galegos. Porén o presidente Pedro Sánchez fechou a porta das negociacións ao ter os votos asegurados doutras forzas.

Rego condiciona o 'si' ao estado de alarma á intervención de Alcoa

Logo de que a última prórroga do estado de alarma fose aprobada no Congreso con menos apoio que as anteriores, e de que se visualizase a perda de apoios do Goberno estatal, Pedro Sánchez apurou as conversas coas formacións políticas. O deputado do BNG, Néstor Rego, sinalou a Nós Diario que a exixencia desta formación está en que haxa unha intervención pública decidida do Estado na fábrica de Alcoa para así garantir os postos de traballo.

A Moncloa xa conta coa abstención de Esquerra Republicana de Catalunya, que na última ocasión votara en contra da alarma. Que Pedro Sánchez aceptase devolver as competencias ás autonomías, tal e como pedían todas as forzas nacionalistas, fixo que ERC opte agora por absterse. Quen votará a prol é o PNV, logo de conseguir a transferencia das competencias do ingreso mínimo vital.

Comentarios