Opinión

Moncho Reboiras, vontade de liberación

O 12 de agosto de 1975 voltaba dunha reunión en Lugo, no coche de liña que une esta cidade con Compostela, cando na parada de Palas de Rei dúas persoas de civil subiron e un deles dirixíndose a min, que estaba nun asento ao fundo do vehículo, pediume o documento de identidade. Fun o único ao que se lle esixiu, nun bus que ía ateigado de xente. Despois de darllo foise. Ollei para a beirarrúa, alí estaban varios gardas civís falando con algúns que parecían secretas. A persoa que estaba no asento do lado mudouse de lugar. Aos quince minutos voltou o secreta que me pedira a documentación e devolveuma; non me deu ningunha explicación. O bus continuou o seu percorrido a Compostela. 

Que palabras poden explicar a túa ausencia,

compañeiro,
capitán dos anceios populares
esnaquizados unha e mil veces,
onte e hoxe, 
sempre, 
baixo asoballadoras botas ferradas, 
roxas e marelas,
mouras por dentro, 
imperialistas e colonizadoras.

(Primeira estrofa dun poema publicado nun folleto do 12 de agosto de 1977 pola UPG)

O 12 de agosto de 1975 voltaba dunha reunión en Lugo, no coche de liña que une esta cidade con Compostela, cando na parada de Palas de Rei dúas persoas de civil subiron e un deles dirixíndose a min, que estaba nun asento ao fundo do vehículo, pediume o documento de identidade. Fun o único ao que se lle esixiu, nun bus que ía ateigado de xente. Despois de darllo foise. Ollei para a beirarrúa, alí estaban varios gardas civís falando con algúns que parecían secretas. A persoa que estaba no asento do lado mudouse de lugar. Aos quince minutos voltou o secreta que me pedira a documentación e devolveuma; non me deu ningunha explicación. O bus continuou o seu percorrido a Compostela. 

Durante o resto da viaxe, e tamén ao chegar a casa, cavilei sobre todo tipo de conxecturas. A primeira foi que me tiñan controlado, malia que eu sempre mantiven todas as normas de seguridade. A segunda, que era evidente que non me buscaban a min neste caso. Despois, cando me informei polos xornais do asasinato de Moncho Reboiras e da detención de varios militantes da UPG, concluín que sabían que deixara o partido facía máis dun ano. Por certo, a xuntanza en Lugo fora con Antón Arias Curto, que abandonara o PCG por mor da cuestión nacional. Puxéranos en contacto Lola (unha moza do concello de Bóveda que estudaba e traballaba en Compostela), e mantiven unha primeira reunión con Arias Curto en Monforte, que era onde daquela el vivía.

“Un mozo morto despois de percorrer na súa fuxida 250 metros; ferido, nun primeiro intre, foi deixando un regueiro de sangue ate o portal”.

“Un mozo morto despois de percorrer na súa fuxida 250 metros; ferido, nun primeiro intre, foi deixando un regueiro de sangue ate o portal”. Deste xeito titulaba o xornal La Voz de Galicia o asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia pola policía franquista, na noite do 12 de agosto de 1975 na rúa Terra (daquela José Antonio) número 27 en Ferrol. Engadía algúns dados máis a respeito de que era enxeñeiro técnico industrial e que tiña 25 anos. Un veciño comentaba deste xeito os feitos “Escoitei tres ráfagas de metralleta ás tres e cuarto…sobre as cinco menos cuarto guindaron unha bomba lacrimóxena ao portal (…) por medio dun megáfono instárono a que saíse coas mans en alto, despois escoitouse un tiro, e logo silencio… dicían que tiña varias balas no corpo”.

Nos días seguintes caían dous pisos francos en Vigo e outros tres eran rexistrados na Coruña; serían detidos vinte militantes, outros agocharíanse ou pasarían a Portugal, un lugar seguro despois da Revolución do 25 de abril de 1974. Catro dos detidos, Marisa Vázquez Barquero, Manuel Fernández, Xoán Manuel López e Xosé María Brañas permanecerían na cadea ate a amnistía de 1977. A UPG iniciara en 1972 unha nova etapa adicando todos os seus esforzos a organizar as distintas camadas e sectores sociais do país: obreiros, labregos, mariñeiros, estudantes… Era un pulo cualitativo en relación á tradicional actividade cultural do nacionalismo galego, algo que non pasou por alto a policía do réxime. Ademais o día 29 de abril do 1975 eran detidos quince estudantes en Compostela (entre eles o actual secretario xeral da CIG), rexistrados tres pisos nos que atoparan propaganda ilegal de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e da UPG, e unha multicopista.

"O voceiro da UPG, o Terra e Tempo, nunha curta nota destacaba o asasinato de Reboiras “despois de dúas horas de enfrontamento armado contra numerosos efectivos da policía"

O voceiro da UPG, o Terra e Tempo, nunha curta nota destacaba o asasinato de Reboiras “despois de dúas horas de enfrontamento armado contra numerosos efectivos da policía, provistos de metralletas e gases lacrimóxenos, mentres el tiña somentes unha pistola”. A nota engadía unha moi breve biografía: “Moncho foi militante obreiro, fillo de mariñeiros, que sabía o que era a explotación colonial (...) á loita contra dela adicou toda a súa vida (...) continuaremos o combate deica a total Liberación Nacional e Social da Nosa Terra (...) Este é a mellor e máis grande homenaxe que lle podemos facer”. 

Reboiras nacera en Imo, no concello de Dodro, aínda que foi residir de rapaz ao barrio de Teis, en Vigo. Achegouse á cuestión social e á problemática nacional galega da man do xesuíta Padre Seixas. En pouco tempo estaba metido a fondo no quefacer cultural que, como é sabido, servía de arroupe aos que facían causa contra o réxime. A súa vida sufriu unha gran transformación coas grandes loitas obreiras de 1972. Xa daquela estaba organizado na Unión do Povo Galego. 

 "Mantivo un papel activo naquela situación de conflito e participou en varias reunións da INTER (coordenadora dos delegados das empresas de Vigo opostos ao sindicato vertical do franquismo)"

Hai un tempo comentábame Ramón González (“o Dentes”, de Barreras), mentres lembrabamos a varios militantes de Organización Obreira (OO) que se sumaron ao sindicalismo nacionalista, como Xosé Anxo García Méndez (Felipe), Oscar Duarte e Xesús Chaves (os dous primeiros xa falecidos), que Reboiras era a persoa máis respeitada da UPG perante a folga do 72 en Vigo. Dicíame que foi quen lle pasou á OO unha multicopista coa que realizaron a propaganda durante a folga. Ademais recordaba que mantivo un papel activo naquela situación de conflito e participou en varias reunións da INTER (coordenadora dos delegados das empresas de Vigo opostos ao sindicato vertical do franquismo). “Neste contexto Reboiras será o encargado de negociar con Organización Obreira, conformada arredor de Barreras, Freire e outras empresas, a súa integración na UPG. Aínda que non foi frutífera a negociación, o certo é que non eran poucos os militantes de Organización Obreira, e que viñan das Comisiones Obreras e das Xuventudes Comunistas, que simpatizaban co nacionalismo, tendo a Moncho como claro referente” (Biografía de Moncho Reboiras, de Uxío Breogán Diéguez) 

Por mor da folga xeral de setembro de 1972 nesta cidade, que tivo unha gran repercusión no exterior, eu tomei a decisión de retornar dende Arxentina, e aos poucos meses vin por vez primeira a Reboiras un momento na casa Manolo e Marisa en Compostela, coido que el estaba facendo o servizo militar naquel intre. Moncho participaba dunha reunión na que estaba Xosé González (“Pepiño de Teis”). Chamoume a atención ese sorriso permanente nos beizos, unha actitude que contribuía a se aproximar e conversar; transmitía unha gran forza interior. Eu xa mantiña relación co seu irmán Manoel por correspondencia dende a Arxentina, e por medio del, enviei un documento sobre a cuestión nacional e o socialismo para unha reunión da UPG, coido que no ano 1971. 

A finais de 1972 e primeiros meses de 1973, despois de constituír Estudantes Revolucionarios Galegos, adiqueime a consolidar esta organización (tendencia) e formar as primeiras células da UPG na Universidade de Compostela (daquela traballaba na construción, primeiro como peón e logo de electricista). Despois da formación da Fronte Obreira o partido fixoume como tarefa política organizar células na clase traballadora, polo que me trasladei a Ferrol (maio) e despois a Coruña (agosto). Antes de ir a estas cidades, nunha viaxe no coche de Manuel Fernández (“Manolo de Remesar”) tivemos un accidente preto da Coruña, no que fracturei varias vertebras. O vehículo ía ateigado de propaganda, polo que Manolo chamou a Reboiras que nos recolleu e levoume a un hospital; foi a segunda oportunidade na que nos vimos. El xa vivía na Coruña daquela.

En relación coa Fronte Obreira, Uxío Breogán Diéguez sinala na súa biografía de Reboiras: “arredor do mes de xuño do 1973, Moncho redacta xunto a Manuel Lima o Borrador provisional pra discutir sobre das bases dunha organización dos traballadores asalariados a nivel sindical” . O que amosa que estaba plenamente activo na nova fase de traballo no eido sindical da UPG. 

"Moncho tiña un Seat 600 co que percorría toda Galiza. Fixen con el algunhas viaxes; podía ir a Viveiro pola mañá, e Lira e Carnota polo serán"

Ao pouco tempo, no mes de agosto, coincidimos traballando na Coruña, el en Isolux e eu en Emesa, como electricistas, e viviamos con “Manolo de Remesar” nunha nunha casoupa que ficaba na parte de atrás da cadea. Alí estaban almacenados centos de cartaces serigrafados, deseñados por Pepe Barros e con textos de Darío Xoán Cabana, e que se distribuían por todo o país. Facían referencia á loita contra a ditadura, á xustiza social e á defensa da nosa identidade como nación. Daquela, xa estabamos os dous no organismo máximo do partido, o Comité Executivo, polo que había un maior coñecemento mutuo e o intercambio de opinións era cotiá. Moncho tiña un Seat 600 co que percorría toda Galiza. Fixen con el algunhas viaxes; podía ir a Viveiro pola mañá, e Lira e Carnota polo serán. Outras veces fun con el a Melide, ou visitar o crego de Sésamo, Moncho Valcarcel, ou a Caldas de Reis. Mantiña moitas relacións en todo o país e moi variadas.

A partir de 1974 a vida alonxounos, xa que deixei o partido por discrepancias que me afastaron por algúns anos. Ademais tiven que facer serodiamente o servizo militar, primeiro en Cáceres e despois en Madrid, polo que fiquei fóra do xogo político no país. Volvino ver máis unha vez a finais de 1974 ou a principios de 1975 nun dos bares da rúa de San Pedro, e case non o recoñezo: tiña o cabelo moi longo (seica era unha perruca) e bigote. Só me decatei que era el cando saíu do lugar. O feito chamoume a atención. En relación ás miñas discrepancias coa UPG, das que se deron distintas versións, e que estouparon nunha reunión en Vigo no mes de decembro de 1973, pódense concretar en tres aspectos: a necesidade de que a UPG se convertese nun partido comunista e no futuro se crease unha fronte de liberación; que houbese responsabilidades políticas definidas na Executiva; consideraba inviábel realizar “accións armadas” xa que a organización non tiña capacidade para iso, e ademais ían abafar a política de masas ao envolver nesa tarefa os cadros máis entregados. 

"Moncho Reboiras deulle un pulo decisivo ao nacionalismo organizado no movemento obreiro galego. Partindo dos núcleos existentes da Fronte Obreira"

Durante este ano e medio que perdemos contacto, Moncho Reboiras deulle un pulo decisivo ao nacionalismo organizado no movemento obreiro galego. Partindo dos núcleos existentes da Fronte Obreira da UPG (que foi fundada na primaveira de 1973 en Ponte Vea) foron xurdindo nesta etapa novos xermolos sindicais, cada un co seu voceiro para espallar e xerar opinión e organización en diversos lugares do país: Xerme na Coruña (o primeiro de todos, en xaneiro de 1974); Adiante en Vigo; Ferramenta en Ferrol; Galego en Compostela; Obradoiro en Ourense. No nº1 de Xerme tratábanse temas como a seguridade e hixiene, a cuestión da propiedade privada dos medios de produción, os conflitos en Intelsa, Coca Cola, Conserveira Celta, Eurofrío, Santa Bárbara e a Compañía de Tranvías (todas da Coruña), así como a interpretación dunha nómina. Eran periódicos sobre cuestións moi concretas que afectaban á clase obreira, feitos dende unha análise de clase e nacionalista moi sinxela. 

Destes xermolos nacería en maio de 1975 o Sindicato Obreiro Galego. Ao esforzo de Moncho débese en boa medida a orixe da que hoxe é a maior organización do nacionalismo galego: a Confederación Intersindical Galega. O Eixo, na súa nova etapa como voceiro do SOG, combinaba os artigos cun carácter estratéxico coa problemática laboral de empresa e sector (durante a anterior etapa fora un Boletín da UPG dirixido ao ámbito sindical). No primeiro número do Eixo, en portada, definía con claridade a liña do Sindicato Obreiro Galego: “Os atrancos obxectivos que atopa o proletariado galego na súa loita sindical veñen determinados pola colonización que padece Galiza. Colonización que abrangue os planos económico, político e cultural (...) o SOG xurde por iniciativa de varios grupos de traballadores de distintas localidades galegas”. 

"Tivo un grande protagonismo na creación da fronte cultural da AN-PG, na idea da UPG de espallar asociacións culturais polo país adiante"

Reboiras, como todos e todas os que militabamos naqueles tempos, aínda que puidésemos estar centrados nunha área de traballo específica, botabamos unha man en todo o que fixese falta. Mais Moncho destacouse especialmente por axer coa mesma intensidade tanto na fronte obreira, como na cultural, así como responsabilizarse das “accións especiais” que se consideraron necesarias para obter recursos. Sobre este aspecto na biografía que escribiu Uxío Breogán Diéguez dinos: “o traballo no que se achaba mergullado Moncho Reboiras tamén, ao pouco, derivaría na denominada Fronte Cultural (...) nacendo publicamente a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), tamén en maio do 1975 ao igual que o SOG”. 

Un papel central no ámbito cultural que destaca Ramón Muñíz: “Así, tivo un grande protagonismo na creación da fronte cultural da AN-PG, na idea da UPG de espallar asociacións culturais polo país adiante como núcleos de concienciación, captación e dinamización nacionalista, para o cal era necesario tamén artellar e comprometer profesionais e intelectuais que desen contido a estas asociacións. Moncho preparou eficientemente a reunión orixinaria desta fronte, que tivo lugar na sancristía da igrexa de San Martín de Noia, coa concorrida presenza de varias representacións de Asociacións Culturais”.

 "Tivo un grande protagonismo na creación da fronte cultural da AN-PG, na idea da UPG de espallar asociacións culturais polo país adiante"

Moncho Reboiras tamén sería o responsábel da denominada Fronte Militar. Sobre isto, explica Uxío Breogán Diéguez: “Será este, certamente, un nome un tanto pretensioso. Contodo, concretizarase esta proposta na posta en marcha dun grupo operativo que terá por función a incautación, 'expropiación', de multicopistas para alimentar o ‘aparello de propaganda’ da UPG, así como fondos económicos para ampliar o resto do movemento (...) desenvolveu diversas acción en diversos puntos da xeografía nacional (...) entre as que podemos salientar naquel mesmo ano a desenvolvida nunha sucursal bancaria en Escairón, no concello lugués do Saviñao, en decembro do 1974, onde Moncho tería nun monte próximo un enfrontamento directo coa Garda Civil (...) Ao ano seguinte desenvólvese en marzo unha outra acción na Coruña, e en maio artéllase outra operación en Vigo, nunha tentativa frustrada. No mes de xullo na Coruña e logo en Lugo desenvolvéranse outras accións”. 

Encol deste tema di Manuel Fernández (“Manolo de Remesar”) o seguinte: “O debate dura dous ou máis anos, aproximadamente, e a decisión, ao final, é crear algo para fortalecer os movementos de masas, a infraestrutura, non para crear un clima de acción-represión. O grupo que se forma compóñeno entre 7 e 8 persoas activas. É unha aposta para cubrir e abastecer ao movemento de infraestrutura. E en ningún intre quedamos á marxe da actividade política. Moncho estaba no Executivo, todo estaba supeditado a decisións políticas, sobre todo á secretaria política. Chegamos a ter 17 pisos alugados, sen facer grandes accións, parte destes eran utilizados para as actividades e infraestruturas políticas. Cae o piso de Ferrol, pero tiñamos moitos outros, no Burgo, en Monforte, Rianxo, Vilagarcía, etc. contando tamén con casas, e unha infraestrutura en Portugal. Moitos non caeron, nin apareceron nos rexistros”. Engade Margarida Ledo Andión  sobre o particular: “A pouco tempo, Moncho ten que pasar á clandestinidade, pasando a ser o primeiro liberado da UPG”. Dáse a entender que foi arredor do Día da Patria de 1974. 

"Non era un “militarista”, mesmo naquel intre onde o réxime daba moitas veces como resposta o chumbo. Reboiras entendía que era un proceso onde o fundamental era a participación e protagonismo do povo"

En relación ao traballo cultural e á “Fronte Armada” afirma Francisco Rodríguez no mesmo libro:  “A fronte cultural nacionalista tivo nel, a bon seguro, unha axuda esencial. Foron precisamente as necesidades de financiamento do movemento nacionalista galego as que levaron a que se conformase un grupo moi específico, loxicamente clandestino, destinado a conseguir fondos para a causa. Nós non dependíamos de ningunha internacional, isto é, non tiñamos ningunha axuda externa e internamente só contabamos con nós mesmos e as escasas posibilidades económicas do grupo social no que nos sustentabamos”. Na miña opinión, fai unha análise acertada sobre a “Fronte Armada”, sen deixar de recoñecer o atrevemento dos que participaron nestas accións, e o nivel de entrega do conxunto da organización. Ningunha das accións foi ofensiva xa que se limitan a obter recursos. Trátase dunha estrutura moi cativa, que non chega a condicionar a actividade de toda a organización, polo que non provoca grandes conflitos cando a UPG decide rectificar os métodos de traballo (desbotando este tipo de accións) despois dos graves acontecementos do 12 de agosto e a posterior represión sobre a militancia da organización. 

Moncho era unha persoa entregada día e noite ao proxecto nacional e á xustiza social. Non era un “militarista”, mesmo naquel intre onde o réxime daba moitas veces como resposta o chumbo. Reboiras entendía que era un proceso onde o fundamental era a participación e protagonismo do povo; esta é a miña apreciación da súa maneira de pensar mentres mantivemos unha estreita relación política. Tanto Moncho, como a UPG, analizaban que a liberación nacional e social non podía ser obra dunha vangarda iluminada ou atrevida, e que calquera acción violenta debía estar ao servizo desta visión política e do nivel de conciencia e esixencia social do momento. Nunca houbo unha actitude militarista, mesmo entendendo que naquela etapa cando a ditadura aumentaba a represión, para deter a oposición social, a saída seguramente sería violenta. A creación de tantas organizacións de masas reflicte con toda claridade cal era a tarefa fundamental naquel intre. Facer outra análise histórica coido que non corresponde coa realidade, aínda que houbese visións persoais que fixeran outra composición de lugar. 

A historia dos países e das organizacións é resultado da vontade colectiva, porén esta é produto da contribución individual; especialmente da mocidade e os seus desexos de mudanza. O que hoxe é o nacionalismo débelle moito aos milleiros de persoas que acotío suman esforzos, mais tamén a centos de compañeiras e compañeiros que ficaron polo camiño (García Méndez, Manuel María, Silo Castro, Ismael Otero (“Clavelitos”), o estudante Emilio Suárez Valdés, Xenoveva Ferreiro, Oscar Duarte, e tantos outros e outras). Moncho Reboiras, militante exemplar, irmán na loita (como dicían nas Irmandades Galegas), represéntaos a todos e todas. Non te esquecemos!!!

A estrela roxa aluma sobre Galiza,
meu capitán,
capitán dos Irmandiños,
e centila do mencer ó serán
coa luz do sol
potente e cegadora
espallando o seu lume
de LIBERACION
por tódolos corrunchos
desta Patria Nova e Popular
que andamos a facer coa nosa loita.

(Última estrofa do poema co que se enceta este artigo)

Nota: os textos de Manuel Fernández, Paco Rodríguez, Ramón Muñíz e Margarida Ledo foron recollidos do libro “Moncho Reboiras, o nacionalismo galego nos anos 70”, editado pola Fundación Bautista Álvarez.

http://manuelmera.blogaliza.org/