Monbus, denunciado ante Competencia pola posición de dominio no transporte de viaxeiras

As últimas adxudicacións da Xunta de rutas de transporte de viaxeiros deixan Monbus cunha cota de mercado próxima a 50%, unha situación que a CIG vén de denunciar ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para que investigue a posición de dominio desta compañía.
Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).
photo_camera Autobus da compañía Monbus

Monbus, o grupo de transporte controlado polo empresario Raúl López, está preto de facerse con 50% da oferta de rutas de pasaxeiros na Galiza. Todo está a expensas de que se produza a adxudicación definitiva da última licitación do transporte público por estrada que sacou a concurso a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, valorada en 237,4 millóns de euros.

Á vista dos resultados provisionais do reparto de rutas, a Confederación Intersindical Galega (CIG) decidiu levar o Grupo Monbus ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC),  xa que considera que a empresa obtivo coa última resolución unha posición de dominio de mercado na Galiza.

De momento, a adxudicación está pendente da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Galiza  aos recursos presentados por varias empresas ás valoracións da mesa de contratación. Se todo queda como estaba, o grupo lucense levaría 9 contratos das 19 primeiras adxudicacións, o que representa 47% do total, segundo recolle a denuncia. A estes habería que sumar os contratos que lograra no anterior concurso de Infraestruturas, resolto a finais de 2019, no que Monbus quedou con 48 dos 101 lotes ofertados, 47,5% do total.

A novidade das UTE

Ao contrario do que pasara en anteriores concursos, desta vez, segundo recolle a denuncia asinada polo responsábel de Transporte, Xesús Pastoriza, a CIG sinala que a maioría dos contratos aos que concorreu fíxoo en alianza con outras empresa a través de unións temporais (UTE), ben coa empresa principal ou con algunha das súas filiais. 

Neste senso, a denuncia, con data do pasado 28 de agosto, explica que o grupo dirixido por Raúl López conta cunha participación media de 71% nestas alianzas, o que lle outorga unha clara posición de vantaxe na xestión fronte ao resto de integrantes.

"Hai que ter en conta que as concesións de transporte de viaxeiros da Xunta da Galiza foron sempre adxudicadas a empresas e non a UTE. De feito, hoxe mesmo, varias desas concesións séguenas xestionando empresas. É dicir, que moitas das compañías que hoxe se presentan en UTE, antes tiñan as adxudicacións en solitario e, por tanto, demostraron a súa capacidade para poder ofertar e xestionar sen necesidade de unións temporais", recolle a denuncia á que tivo acceso este medio.

O sindicato exemplifica este abuso da fórmula das UTE destacando a existencia de dous contratos aos que se presentan dúas UTE con máis empresas que vehículos require o servizo. Na súa opinión, trátase de alianzas non xustificadas, xa que non se dan as condicións obxectivas que estabelecen os organismos de competencia para a conformación destas unións. 

Estas condicións pasan pola creación de sinerxías na prestación do servizo ou a introdución de melloras tecnolóxicas. Porén, desde a CIG consideran que en moitos dos lotes non hai melloras técnicas coñecidas e o tamaño dalgúns dos grupos, como é o caso de Monbus, non ten dificultades para dotar as rutas de vehículos e persoal para conducilos, e menos se vai en grupo.

A falta de probas non é determinante para que a denuncia ante Competencia prospere. A CIG ampárase en resolucións deste organismo e nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que determina que a proba dunha infracción das normas de adxudicación en contratos públicos poden achegarse mediante indicios, sempre que estes sexan obxectivos. 

Transporte escolar

A situación de dominio de Monbus na Galiza, onde podería xestionar até 60% dos contratos adxudicados pola Xunta, aos que, como denuncia a CIG, se sumarían os de transporte escolar que, pola súa posición, podería conseguir. Isto tería unha clarísima afectación no mercado español, ademais do galego.

Como explican desde a central sindical, o transporte escolar na Galiza representa un terzo dos servizos que se prestan aos centros de ensino no conxunto do Estado español como consecuencia da dispersión poboacional que caracteriza o país. A metade das rutas xa se están a cubrir a través dun servizo mixto de rutas escolares e regulares, mentres que a outra metade está previsto que saia a concurso o ano que vén.

Monbus podería concorrer a esta licitación da Consellaría de Educación, ben en solitario, ben en UTE, se Competencia non se pronuncia ao respecto destas prácticas, mais a súa posición de dominio sería nese suposto incontestábel. 

Comentarios