A monarquía xira á dereita: Filipe VI márcalle a liña ao PP e Vox

Quen antes berraba “Viva Franco” agora berra “Viva o rei”. A firme adhesión á monarquía dos sectores máis reaccionarios da sociedade do Estado vai acompañada de xestos permanentes da coroa de aprobación das posicións políticas da dereita máis dura. De feito, Felipe VI é coñecido en moitos sectores como “o rei de Vox”.

Filipe VI no discurso de 24 de decembro (Imaxe: Pool)
photo_camera Filipe VI no discurso de 24 de decembro (Imaxe: Pool)

As derradeiras declaracións de Pilar de Borbón recollidas nunha entrevista, que foi concedida en novembro de 2019 e publicadas días despois da súa morte en xaneiro de 2020, non deixaban a lugar a dúbidas. A irmá maior do rei emérito e portavoz oficiosa da familia real durante máis de catro décadas criticaba duramente na súa conversa o acordo de coalición asinado entre o PSOE e Unidas Podemos. A infanta ía máis alá na súa denuncia ao presidente do Goberno Pedro Sánchez até sinalar que a súa única preocupación era “aguantar como sexa no cargo” e que non representaba a cidadanía “porque en España hai moita xente boa”.

As súas opinións estaban na liña dos movementos da Casa Real nos últimos meses e non sorprenderon a ninguén. A xefatura do Estado tentou impedir de todas as maneiras posíbeis un Goberno dependente dos apoios das forzas nacionalistas, mediando, entre abril e setembro, para un Executivo de grande coalición e boicoteando, tras o acordo entre o PSOE e Unidas Podemos, a conformación do novo gabinete. Neste contexto, Felipe VI mantivo unha intensa axenda de contactos reservada con algunhas das formacións presentes no Congreso para sumar votos contra Pedro Sánchez, sendo decisiva a súa presión no cambio de posición da deputada canaria Ana Oramas, cuxa familia permanece de vello vinculada á monarquía.

As palabras de Felipe VI na toma de posesión de Pedro Sánchez foron unha declaración de intencións. Malia que desde o equipo de Moncloa tentaron presentalas como unha brincadeira, o rei, ao sinalarlle ao presidente do Goberno tras o seu nomeamento que “a dor vén despois”, deixaba claro que non habería tregua para o novo Executivo. O círculo do monarca non dubida en manifestar que “pór a gobernabilidade en mans das forzas políticas nacionalistas, as mesmas que tentan dividir o Estado e que Felipe VI leva combatendo desde o referendo catalán, significa cuestionar abertamente a posición política da coroa e, polo tanto, é motivo de confrontación aberta”.

Juán Carlos preocupado

“Don Felipe séntese cómodo nesta postura”, lamenta a Nós Diario un antigo colaborador do seu pai preocupado pola deriva do monarca. “Non se dá conta de que reinar implica a aprobación de amplas maiorías e importantes consensos co conxunto do abano político como conseguiu Juan Carlos, gañando para a monarquía formacións de inspiración republicana como o PSOE”, afirma para criticar as responsabilidades do seu círculo de colaboradores. Neste sentido sinala que “o rei é grego, fáltalle a empatía e as habilidades sociais dos Borbóns. A maiores só ten ouvidos para o círculo de confianza da Zarzuela, formado por persoas ligadas a grupos conservadores da igrexa e do exército”. A nosa fonte recoñece a preocupación do rei emérito con esta situación.

A axenda política do monarca intensificouse desde o referendo catalán de outubro de 2017. A comparecencia televisada de Felipe VI, tres días despois da celebración do mesmo, marcou o rumbo que seguiron até hoxe os poderes estatais no seu combate contra o nacionalismo. A posición do xefe do Estado, definida conxuntamente co exército, o poder xudicial e algunhas fraccións do capital, emendou por branda a proposta mantida polo Executivo de Raxoi, situou a cuestión catalá como un conflito de orde pública cuxa resolución dependía dos tribunais de xustiza e afirmou a negativa a calquera reforma do modelo territorial do Estado nun sentido plurinacional e favorábel ao dereito decidir.

O discurso de Felipe VI pasou a ser o dogma de fe dos sectores máis reaccionarios do Estado. A sintonía entre a Casa Real e a cúpula militar é total desde hai moitos anos, mantendo neste momento, máis unha vez, plena coincidencia sobre a situación política e as alternativas a defender. Outro tanto sucede co poder xudicial, até o punto de considerar moitas analistas, con bo coñecemento do funcionamento da administración de xustiza, que a actitude de dureza de xuíces e fiscais en relación co caso catalán e o novo executivo mantense por saberse apoiada pola coroa, moi ben conectada como é coñecido cos grandes grupos empresariais. Neste ámbito, Felipe VI segue a estela paterna.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios