Opinión

A Monarquía, en grave risco

Escrebín hai días, cando se soubo das pescudas da Fiscalía de Xenebra a respecto da suposta comisión de 100 M€ aboada polo entón rei de Arabia Saudita Abdallah I á Fundación Lucum (da que o Emérito sería o principal beneficiario) que o tema era moi grave e sería recorrente no futuro, mais que cumpría, por riba de todo, respectar o dereito á presunción de inocencia do anterior Xefe de Estado.

Porén, a escea mudou radicalmente coa publicación o 13-M no xornal inglés The Telegraph que o actual Xefe de Estado é o segundo beneficiario deste Fondo, do que habería dispor á morte do seu pai, asumindo a obriga de axudar económicamente á súa nai, irmás e tías.

O 15-M a Casa Real emitiu un comunicado no que se recoñecía que dende marzo 2019 El Rei coñecía a existencia dese pagamento e dese Fondo. Das resultas deste recoñecemento renunciábase á parte da herdanza do seu pai vencellada ao devandito Fondo e se lle privaba ao Emérito dos case 195.000 €/ano que percebe do orzamento da Casa ReaL. Xa que logo semella que o primeiro en constatar a falla de exemplaridade da conduta do seu pai é o propio Xefe de Estado, destruíndo deste xeito a súa presunción de inocencia, polo menos no eido político. A mensaxe a respecto da Fiscalía de Xenebra e mesmo á xurisdición española é nidio. Xoan Carlos de Borbón non é inviolábel dende a súa renuncia, en xuño de 2014.

Trátase de se afastar do anterior Xefe de Estado, tracexando unha devasa para salvar El Rei. Mais hai fendas nesta estratexia. Unha herdanza non pode ser renunciada legalmente até que morre o causante. Ademáis, si coñecía a Casa Real estes feitos dende un ano antes, por qué non foron comunicados até o primeiro día de vixencia do estado de alerta polo Covid 19?

Mais a crise sanitaria non diluiu a gravidade dos feitos. Porque sectores moi importantes da cidadanía conectaron esta comisión de 100M€ en 2008 coa situación do sistema sanitario, no que o Estado enfronta o virus cun 6% menos de camas (-20% en Madrid) a respecto do mesmo 2008. E porque as explicacións non lle convenceron. á metade da poboación galega , segundo unha enquisa moi recente de Electomanía .

Se á falla de lexitimidade democrática da Institución lle engadimos a falla de exemplaridade e a desafección de tantas persoas a Monarquía está en grave risco.

Comentarios